As vitrinas de 47 establecementos comerciais de Pontevedra rivalizan cos seus decorados por gañar o Concurso de Escaparates de Nadal 2022
52
O xurado do certame impulsado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, estará conformado pola escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias; a técnica forestal Luz Gómez Señoráns; o escritor Manel Loureiro; a artista e docente da Universidade de Vigo Carmen Hermo e o alumnado do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e do Ciclo Medio de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES Luis Seoane de Monte Porreiro (que emitirá un único voto conxunto)
Un total de 47 establecementos comerciais de Pontevedra participarán no Concurso de Escaparates de Nadal convocado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers en colaboración coa empresa Pontevedra Digital. O xurado do certame, que terá ata o 26 de decembro para visitar e puntuar os decorados que exhiben as vitrinas, estará conformado pola escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias; a técnica forestal Luz Gómez Señoráns; o escritor Manel Loureiro; o artista e docente da Universidade de Vigo Carmen Hermo, e un grupo de 30 alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e do Ciclo Medio de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES de Monte Porreiro, supervisados polos profesores Iria Morgade e Alexandre Losada (e que emitirán un único voto conxunto).
Á hora de realizar as súas valoracións (de 0 a 10 puntos), deberán ter en conta aspectos como a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final. Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “o xurado seleccionará 10 escaparates finalistas e, posteriormente, entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro, quedará en mans do público a elección dos catro gañadores”. “Poderán votar a través da aplicación Easypromos (10, 6, 3 e 1 punto) e os 10 finalistas disporán de cartelería con códigos QR que darán acceso a esta votación online. Tódolos participantes -apuntou a edil do PSOE- entrarán no sorteo de dez premios de 60 € para gastar nos comercios participantes”.
Yoya Blanco indicou que “o alumnado do IES Luis Seoane xa comezou esta mesma semana a percorrer os establecementos comerciais participantes neste certame de escaparatismo coa finalidade de valorar cada un dos detalles e outorgar as respectivas puntuacións”.
Establecéronse dúas categorías de galardóns: os premios aos escaparates dos establecementos participantes (resultado da puntuación do xurado máis a do público a través de Easypromos), dotados de 1.300 (1º), 800 (2º), 500 (3º) e 200 euros (4º); e os premios outorgados ao público que participe emitindo o seu voto, consistentes en 10 vales de 60 euros para gastar nos comercios inscritos. Os gañadores dos escaparates e os premios dos votantes daranse a coñecer o día 9 de xaneiro de 2023, mediante a súa publicación na páxina web e redes sociais do Concello de Pontevedra, e tamén mediante chamada telefónica.
O certame ten o obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade nesta campaña de Nadal, animando á veciñanza e aos turistas a facer as súas compras; fomentar a cultura da innovación e a calidade no sector comercial, e embelecer as vitrinas da nosa cidade con propostas orixinais e creativas. Este é o listado dos 47 escaparates participantes:
1. Cinania 2. Óptica Döce Pontevedra 3. Trulock 4. Pequeñitos y Adorables 5. Óptica Olladas 6. Bowery Shop 7. Boutique Ángela 8. Novo Rumbo 9. Aviones de Papel 10. Óptica Lafuente 11. Aromara 12. Eco Pontevedra 13. A3 Papelería Técnica 14. Saponina 15. Café de Meira 16. Café Mónica 17. Joyería Pilar Álvarez 18. Librería Metáfora 19. Mage 20. Sunset Boulevard Pontevedra 21. Biotenda Xano 22. Pepa y Punto 23. Casa Verdún 24. Mardy Electrodomésticos 25. Saira 26. Moi Bo 27. Librería Tinteiro 28. Míster Babe 29. Mission Surf 30. Moma 31. A Moda Dabaixo 32. Mira Maruxa Óptica 33. Joyería Ferse 34. Ma Petite 35. Magdalena Sala 36. Entretelas 37. Ferse 1979 38. The Tree House 39. Soccerfactory Pontevedra 40. Silva 41. Alma Gemela 42. Delirious 43. Dequip (rúa Oliva) 44. Dequip (rúa Gutiérrez Mellado) 45. Delicious Bakery 46. Nalatcha 47. K-Pell