As mascotas de Pontevedra poderán estrear o novo parque canino de Monte Porreiro “nuns 15 días, cando remate de brotar o céspede”

47
  • O novo espazo de paseo de cans, impulsado polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal cun orzamento de case 50.000 euros, xa conta con tódolos seus elementos instalados nunha superficie de 1.100 metros cadrados a carón da Galiña Azul, entre as rúas Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica
  • Entre as actuacións executadas pola empresa Naturgalia SL inclúense o pechamento da parcela cun panel de malla electrosoldada, fontes de aceiro inoxidable para persoas e animais, papeleiras cilíndricas, dous postes para que os cans ouriñen, un sistema de rega con aspersores e unha estrutura de pérgola para refuxiarse da choiva e o sol

Os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal, Iván Puentes e Marcos Rey, estiveron esta mañá no barrio de Monte Porreiro para supervisar o excelente aspecto que presenta o novo parque canino de 1.100 metros cadrados de superficie executado polos seus departamentos na zona verde situada a carón da Galiña Azul, entre as rúas Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica (nas inmediacións do Centro de Saúde). A empresa Naturgalia SL xa rematou a instalación de tódolos elementos que compoñen este espazo de paseo para cans, realizado cun orzamento de 47.833,48 euros, unhas obras que incluíron o pechamento da parcela cun panel de malla electrosoldada, acabado en lacado verde e postes de perfil oco de sección rectangular; a plantación de dúas árbores; a subministración e instalación de dúas portas de paso de 1×1,5 metros; fontes de aceiro inoxidable combinadas para persoas e animais; dúas papeleiras cilíndricas de 80 litros de fundición de aluminio; dous postes para que os cans ouriñen; dous bancos; un sistema de rega con aspersores e unha estrutura de pérgola en madeira de piñeiro vermello cunha altura de 2,30 metros e un teito de chapa sándwich (que servirá para refuxiarse da choiva ou o sol).


Non obstante, tal e como sinalou o socialista Iván Puentes, “os veciños de Pontevedra e as súas mascotas deberán ter un pouquiño de paciencia para estrealo e agardar a que remate de brotar o céspede que se sementou”. “Agardamos poder recibir a obra completa nuns 15 días -apuntou o seu compañeiro Marcos Rey- e recibir o novo ano celebrando un acto de inauguración oficial acompañados de distintas asociacións caninas e dos veciños e mascotas que queiran sumarse”.


Os concelleiros subliñaron que o de Monte Porreiro é o primeiro dos tres parques caninos proxectados na nosa cidade polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal, estando previstos outros dous en Campolongo e en Valdecorvos (na Praza das Regas). Segundo lembrou Iván Puentes, “a enorme dilación de Costas á hora de outorgarnos o permiso para poder executar o parque canino previsto nos antigos terreos de Tafisa (un trámite administrativo que aínda segue sen resposta) levou ao Concello de Pontevedra a optar pola creación de varios espazos de entre 700 e 1.100 metros cadrados en puntos da cidade cunha elevada poboación de cans, respondendo así con rapidez á elevada demanda deste servizo”.

“Pontevedra carece de espazos nos que as nosas mascotas poidan moverse con liberdade e estamos a falar dun concello no que a cifra de cans censados ronda os 16.000 animais. Estamos convencidos de que a instalación de parques caninos é un paso adiante fundamental para mellorar a convivencia entre os cans e a cidadanía”, asegurou o edil do PSOE.


Tanto o parque de cans de Monte Porreiro como os que se farán en Campolongo-Os Gafos e Valdecorvos, todas elas zonas da cidade cunha elevada poboación de mascotas, financiaranse con cargo a unha modificación de crédito aprobada cun montante global de 122.722,68 euros.


Tras cumprir con este compromiso, adquirido nunha reunión que Puentes e Rey mantiveron este verán coa veciñanza de Monte Porreiro, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible pretende completar agora outra importante infraestrutura que mellorará a calidade de vida do barrio e incrementará as súas opcións de práctica deportiva: a instalación dos elementos da nova pista multideporte na Praza de Europa. “Agardamos poder abrila ao público e que a rapazada a comece a utilizar a principios de 2023. O proxecto -precisou Iván Puentes-, ao que destinamos 53.805,29 euros e que está a executar a empresa Garocaprim SL, completarase cunha mellora paisaxística e a instalación de diverso mobiliario”.