O Concello prorroga o convenio que mantén os prezos, un ano máis, das tarifas e bonificacións para o billete do bus urbano

41
Tendo en contas os descontos actuais, dependendo do número de viaxes e da frecuencia coas que un usuario as realice, hai traxectos que poden chegar a ter un custe cero 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos puntos recollidos na orde do día, Gulías, quixo facer fincapé no transporte urbano de Pontevedra, tema tratado e abordado durante a Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada durante a semana pasada.

«Puxémonos hai tempo de abordar o transporte urbano para que fose coherente e consecuente co propio modelo de cidade», lembrou a portavoz. «É por iso que durante meses traballamos coa Xunta de Galiza en formular propostas e alternativas que cristalizaron en dous convenios, e así queremos dicilo, dos que estamos moi orgullosas no Concello».

Gulías sinalou que a día de hoxe a cidade conta cun transporte urbano eficaz e eficiente, «que é moito dicir, máis aínda tendo en conta como nas grandes cidades os sistemas de transporte acostuman ser deficitarios», por iso xa foi prorrogado por un ano máis, nesta XGL extraordinaria, o convenio que ten que ver coas tarifas e os prezos que os usuarios abonan, e que ten unha contía estimada de 145.311,64 euros.

«O convenio tiña a posibilidade de ter catro anos de prórroga e comezaremos agora a segunda», explicou. Así, o prezo dos billetes seguirá a ser o mesmo —ou case— que foi asinado no seu momento. A día de hoxe, na Boa Vila, o billete para unha viaxe neste transporte está en 1,50 euros, pero que está suxeito a diversas bonificacións.

Dunha banda, coa Tarxeta de transporte de Galiza —Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG)—, o usuario xa recibe un 10 % de desconto, é dicir, pasa a pagar 1,35 euros. A este importe súmaselle a propia bonificación municipal, unha subvención de 0,50 neste tipo de billetes, polo que xa podería quedar en 0,85 euros. Un prezo reducido que pode recibir aínda máis bonificacións, como  as que ofrece a Administración autonómica, e que se son superadas as 20 viaxes ao mes un obtén un desconto do 5 % —e no caso das 40 viaxe, até o 50 %—. «Estamos a falar que un billete podería chegar a ter un custo de 0,18 euros, e que se se lle suma a bonificación do Goberno do Estado, eses 0,40 euros, dependendo da frecuencia e do número de viaxes que un usuario faga… o billete podería ser gratuíto», sinalou a portavoz.

Gulías lembrou que desde o Concello xa foron solicitados os datos e cifras de uso do transporte urbano pontevedrés, mais «simplemente con observación» un pode comprobar o bo fluxo de viaxeiros nas distintas viaxes. Porén,  a edil recolle que nalgúns casos o Concello si percibiu a necesidade «en determinadas zonas e en determinados horarios» dun reforzo. «Por iso, a principios de ano queremos convocar a comisión de seguimento dos convenios para tratar da man da Xunta os reforzos puntuais, e o cambio dalgunha frecuencia, en determinados eidos e viaxes. Por exemplo? Un posíbel reforzo nas horas puntas de Montecelo e en Monteporreiro na entrada e na saída do instituto. É algo que queremos falar e traballar xuntos para chegar a un acordo. Estamos seguras de que a Xunta terá unha boa predisposición».

A portavoz lembrou que xa foron incluídas tres paradas a maiores das que existían na inauguración das novas liñas.