A revolución verde e azul toma as rúas cunha campaña informativa que distribúe un milleiro de árbores autóctonas e de folletos informativos e un centenar de bolsas con chuvasqueiros

31
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, impulsa unha iniciativa que “complementa á espectacular exposición itinerante instalada na ponte do Burgo e que pretende concienciar á cidadanía sobre os riscos do cambio climático e darlle a coñecer a vintena de proxectos que deseñamos na estratexia Pontevedra Flúe para frear os seus efectos e renaturalizar os nosos ríos e espazos naturais”

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata a Praza da Peregrina, acompañado polos edís Yoya Blanco e Marcos Rey, para participar na campaña informativa promovida polo seu departamento para dar a coñecer as actuacións recollidas na estratexia Pontevedra Flúe, a ambiciosa revolución verde e azul deseñada para renaturalizar os nosos ríos, conectar o espazo urbano co contorno natural, en especial co Lérez, e converter ao noso concello en referente internacional en infraestrutura verde, restauración fluvial e loita contra o cambio climático. A iniciativa traduciuse na instalación dunha carpa desde a que se están a distribuír un milleiro de árbores autóctonas, como carballos, piñeiros, bidueiros, loureiros e érbedos, un centenar de bolsas con chuvasqueiros e 1.000 folletos informativos cun mapa no que se recollen a vintena de actuacións proxectadas e unha explicación dos obxectivos da estratexia.


Tal e como sinalou Puentes, “coincidindo co Nadal e coa abundante presenza de xente nas rúas, quixemos poñer o noso gran de area desde o punto de vista da concienciación ambiental e loita contra o cambio climático, sacando a estratexia Pontevedra Flúe ás rúas cunha campaña informativa que “complementa á espectacular exposición itinerante instalada na ponte do Burgo e que pretende concienciar á cidadanía sobre a necesidade de preparar mellor a Pontevedra contra o cambio climático e darlle a coñecer todos estes proxectos, que suman máis de 20 millóns de euros e dos que moitos xa están en marcha ou en tramitación e contan con financiamento de fondos propios e procedentes dos Next Generation da Unión Europea”. Ao seu xeito de entender, “estamos a falar dunha estratexia de cidade, que tamén nos permitirá estar preparados para competir con outras cidades europeas e españolas na captación de máis fondos europeos, que se transformen en obra e en actividade económica para os traballadores e as empresas da cidade e que permitan activar os motores do turismo e do asentamento de industrias vencelladas á economía verde”.


O concelleiro socialista destacou a boa acollida deste reparto de árbores entre a cidadanía, afirmando que, se ben son a escusa perfecta para sensibilizar aos pontevedreses, a súa distribución “tamén ten un efecto inmediato: estas 1.000 árbores serán plantadas en diferentes puntos do concello e, por tanto, reverdeceremos Pontevedra e contribuiremos a reducir a pegada de carbono, a ter unha cidade cun aire máis respirable, a controlar as temperaturas durante o verán, a mitigar os efectos da evaporación e a seca nese período estival no que chove menos e, en definitiva, a loitar contra o cambio climático, cada un desde a súa casa”.


O Lérez como eixo vertebrador

“Baixo o paraugas da marca Pontevedra Flúe aglutinamos as intervencións planificadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible para actuar nos leitos fluviais e nos seus contornos, co río Lérez como eixo vertebrador, pero tamén no río dos Gafos, o rego de Valdecorvos e a Xunqueira de Alba e o río Rons. Ademais de reducir o tráfico e gañar espazo para os peóns, debemos apostar por un ‘modelo de cidade 2.0’ que nos converta en referente internacional en creación de espazos de lecer renaturalizados, sostibles e vencellados aos leitos fluviais”, apuntou o edil do PSOE.

Entre estes proxectos que marcarán a transformación da cidade inclúense actuacións en marcha, como a renaturalización do río dos Gafos, da que o 50% da mesma poderá financiarse con fondos Next Generation; a recuperación da ponte do ferrocarril sobre o Lérez, cuxos traballos comezaron o pasado mes de novembro, ou a restauración ambiental da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras (tamén con cartos concedidos dos fondos Next Generation). Ademais, intervirase nas ribeiras do Lérez coa finalidade de rachar as barreiras duras e muros de contención que ten o río no seu espazo máis central, totalmente canalizado, e facer ribeiras naturais, verdes, con árbores e que permitan, ben con bancadas, ben con outro tipo de solución, o acceso ao río e ‘mollar os pés’ (crearanse zonas de relax, de solario e de acceso ao baño no centro da cidade).


A estratexia Pontevedra Flúe actuará na Illa das Esculturas, un espazo xa moi recuperado, pero cunha ribeira non accesible e artificial; no treito que discorre polas inmediacións do Pazo da Cultura, con dúas intervencións planificadas, que son o parque de xogos de auga do parque Rosalía de Castro (con traballos a piques de iniciarse) e a creación dunha zona de relax vencellada ao Lérez; no contorno do Pavillón Municipal dos Deportes, onde se combinará o actual uso de aparcadoiro, optimizando un estacionamento que se atopa en condicións estéticas e ecolóxicas moi mellorables, con dous tratamentos: un máis próximo á ribeira do río, creando zonas de estar e de acceso á auga, e outro na zona máis próxima ao Pavillón, renaturalizando o aparcadoiro cun ámbito permeable que permita a filtración de auga de choiva e amplas zonas de sombra e arborado (integrando ese espazo, hoxe inhóspito, no perímetro verde do Lérez), e no contorno da Xunqueira de Alba e o nó de Bombeiros, onde se renaturalizará a ribeira e se integrarán as instalacións de Costas e doutras administración no grande espazo verde da Xunqueira do Alba (un camiño que xa iniciou a Deputación co traslado da Imprenta e do Parque de Maquinaria).


Outro dos proxectos recollidos na estratexia consiste na conexión da senda do Lérez, que vén desde Bora, coas sendas que Poio está proxectando ata Combarro, de xeito que poidamos dispoñer no futuro dun itinerario peonil e ciclista que conecte, como mínimo, Bora con Combarro (desde Bora pódese continuar río arriba ata practicamente o nacemento do río). Asemade, crearase un grande parque urbano semellante ao existente na Illa das Esculturas na zona verde de Valdecorvos, contemplando aquí unha das intervencións que mellorará o comportamento e a resiliencia de Pontevedra fronte ás consecuencias do cambio climático, como as inundacións. “O pequeno regato de Valdecorvos -asegurou Iván Puentes- segue a provocar asolagamentos en Padre Fernando Olmedo cada vez que a marea está alta e chove con forza, algo que podería acentuarse nos vindeiros anos con precipitacións torrenciais máis frecuentes e avenidas de auga maiores. Para resolver esta situación, desenvolvemos un proxecto pioneiro en Galicia, en colaboración coa Universidade, consistente na creación de balsas de inundación ou pequenos lagos artificiais que permitirían derivar a auga cando chove e o caudal do regato medra exponencialmente e desembalsala de volta no río unha vez que a marea baixa”.


No que atinxe aos prazos temporais para que estes proxectos se fagan realidade, aqueles financiados con fondos Next Generation deberán executarse antes de 2025: a restauración da antiga ponte do ferrocarril sobre o Lérez como miradoiro e paso peonil e ciclista; a recuperación dos Salóns do Lérez, vencellada ao Ben de Interese Local (BIC) do río Lérez, para o que se recibiu un millón de euros; a mellora da eficiencia enerxética e a iluminación en ámbalas marxes da ribeira do Lérez, tanto na Illa das Esculturas como na avenida de Bos Aires; a primeira fase do destape do río dos Gafos, entre a rúa da Tablada e o contorno da igrexa de Campolongo; a recuperación biolóxica da Xunqueira de Alba, coa retirada de especies invasoras; a integración paisaxística e ambiental do parque María Vinyals (diante do edificio administrativo da Xunta), e a conexión coa Vía Verde do Salnés (o Plan de Sostibilidade Turística en Destino permitirá executar todo o treito que vai de Pontevedra ata o concello de Barro).