En busca dos finalistas do Concurso de Escaparates de Nadal
89
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, acompañou esta mañá ao escritor Manel Loureiro e á técnica forestal Luz Gómez Señoráns, membros do xurado avaliador, nun percorrido polas vitrinas dos 47 establecementos comerciais de Pontevedra que participan coas súas decoracións no certame de escaparatismo
Á hora de realizar as súas valoracións, deberán ter en conta aspectos como a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final
O xurado seleccionará 10 escaparates finalistas e, posteriormente, entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro, quedará en mans do público a elección dos catro gañadores
A edil socialista Yoya Blanco acompañou esta mañá ao escritor Manel Loureiro e á técnica forestal Luz Gómez Señoráns, membros do xurado avaliador, nun percorrido polas vitrinas dos establecementos comerciais da nosa cidade que participan no Concurso de Escaparates de Nadal 2022, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers en colaboración coa empresa Pontevedra Digital. O xurado do certame, que tamén compoñen a escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias; a artista e docente da Universidade de Vigo Carmen Hermo, e un grupo de 30 alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e do Ciclo Medio de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES de Monte Porreiro supervisados polos profesores Iria Morgade e Alexandre Losada (que emitirán un único voto conxunto), terá ata o luns 26 de decembro para visitar e puntuar as decoracións dos 47 comercios, seleccionando os 10 escaparates finalistas.
Á hora de realizar as súas valoracións (de 0 a 10 puntos), deberán ter en conta aspectos como a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final. Segundo explicou Yoya Blanco, “unha vez que o xurado seleccione aos finalistas, abrirase un período, entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro, no que o público poderá votar (con 10, 6, 3 e 1 puntos) a través da aplicación Easypromos para elixir os catro escaparates gañadores”. “Os 10 finalistas disporán de cartelería con códigos QR que darán acceso a esta votación online e tódolos cidadáns que participen na mesma entrarán no sorteo de dez premios de 60 € para gastar nos comercios inscritos no concurso”, sinalou a concelleira do PSOE.
O certame de escaparatismo de Nadal conta pois con dúas categorías de galardóns: os premios aos escaparates dos establecementos participantes (resultado da puntuación do xurado máis a do público a través de Easypromos), dotados de 1.300 (1º), 800 (2º), 500 (3º) e 200 euros (4º); e os premios outorgados ao público que participe emitindo o seu voto, consistentes en 10 vales de 60 euros para gastar nos comercios inscritos. Os gañadores dos escaparates e os premios dos votantes daranse a coñecer o día 9 de xaneiro de 2023, mediante a súa publicación na páxina web e redes sociais do Concello de Pontevedra, e tamén mediante chamada telefónica aos agraciados.
O Concurso de Escaparates de Nadal ten o obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade nesta campaña de Nadal, animando á veciñanza e aos turistas a facer as súas compras; fomentar a cultura da innovación e a calidade no sector comercial, e embelecer as vitrinas da nosa cidade con propostas orixinais e creativas.
Este é o listado dos 47 escaparates participantes: