‘A pegada da Memoria das Mulleres no espazo público’, un plano que amosa e visibiliza sobre o papel a historia das mulleres de Pontevedra

103
Rúas, murais, parques, paneis informativos, roteiros… Estes e outros elementos aparecen recollidos no mapa físico que pode ser recollido xa nas dependencias do Concello
O documento tenta levar o proxecto dixital da Memoria das Mulleres até as rúas da cidade dun novo xeito, divulgando a vida de até 11 mulleres de suma relevancia na Boa Vila 

O concelleiro de Memoria histórica, Xaquín Moreda, presentou esta mañá o novo plano  ‘A pegada da Memoria das Mulleres no espazo público’. Trátase dun documento físico que forma parte do proxecto A Memoria das Mulleres, que pretende contribuír ao coñecemento e difusión da historia das mulleres da Boa Vila.

O edil quixo presentar este mapa a pé de rúa, diante do mural dedicado a María Victoria Moreno na rúa Eduardo Pondal, un dos máis de 20 elementos que aparecen recollidos no mesmo. «Sinalizamos os distintos elementos relacionados con mulleres que poden ser achados no espazo público da cidade: rúas, murais, parques, paneis informativos…», explicou Moreda. 

Por un lado do documento divulgativo aparece o mapa da cidade cos diferentes símbolos relacionados coas mulleres, namentres pola outra hai 20 textos breves que recollen a biografía de 11 mulleres de Pontevedra. 

«O obxectivo do plano era poder darlle visibilidade ao proxecto A Memoria das Mulleres pero dun xeito físico, xa que é un proxecto situado na Rede e que segue sendo actualizado constantemente, deixando constancia da vida das mulleres desta cidade», comentou o concelleiro. «AS mulleres sempre estiveron relegadas no espazo público, unha as formas máis evidentes do carácter patriarcal da sociedade. O plano permite avanzar un chanzo máis para desterrar esa idea e seguir traballando neste eido».

O plano estará xa dispoñíbel para a súa recollida no edificio administrativo do Concello de Pontevedra de Michelena, 30; mais tamén será repartido en diversos centros escolares.