A Xunta de Coros de Pontevedra convida á cidadanía a cantar temas clásicos do Nadal o vindeiro martes 27 de decembro nas escalinatas de San Francisco

45
  • O concelleiro socialista Marcos Rey anima aos pontevedreses a sumarse a esta iniciativa, que terá lugar a partir das 20:00 horas e que conta co apoio da Concellería de Benestar Social
  • Trátase dunha iniciativa inspirada na tradición da Noiteboa dos países nórdicos, na que membros de varios coros guiarán aos asistentes para interpretar pezas como o Adeste Fideles, Noite de Paz e Benedicat Vobis

As escalinatas da igrexa de San Francisco acollerán o vindeiro martes 27 de decembro a partir das 20:00 horas a actividade Música en Nadal, organizada pola Xunta de Coros de Pontevedra en colaboración coa Concellería de Benestar Social. A través desta iniciativa, inspirada na tradición dos países nórdicos (nos que a cidadanía soe cantar en Noiteboa), preténdese convidar á veciñanza de Pontevedra a sumarse na interpretación de temas clásicos do Nadal, como Adeste Fideles, Noite de Paz e Benedicat Vobis, contribuíndo deste xeito a somerxer á nosa cidade no espírito destas datas tan máxicas.

Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, “a Agrupación Coral de Pontevedra xurdiu no marco do Concerto pola Paz e está composta por varios coros”, polo que “os cidadáns que se acheguen ata San Francisco, non só para desfrutar da música do Nadal, senón tamén para animarse a cantar, estarán guiados por xente que canta habitualmente en coros”. “Estamos a falar de pezas musicais moi coñecidas por todo o mundo, así que animo a tódolos pontevedreses a sumar as súas voces e contribuír a xerar un ambiente cheo de ilusión e boa enerxía”, sinala o edil do PSOE.