Desenvolvemento Sostible anima o Nadal cun Parque Aventura que convida á rapazada e ás súas familias a realizar unha xincana na Illa das Esculturas, buscar un pequeno elfo no paseo do río dos Gafos e participar nunha festa no parque da Praza de Europa

55
  • Trátase de actividades lúdicas e pedagóxicas enmarcadas na estratexia Pontevedra Flúe, impulsada polo concelleiro socialista Iván Puentes, e que se desenvolverán os vindeiros días 28, 29 e 30 de decembro e 3 de xaneiro
  • A xincana incluirá un rastrexo de follas, a busca de caixas niño instaladas en eucaliptos, o emprego creativo de recursos naturais e a localización de elementos vencellados á obra artística ‘Os 36 xustos’

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, quere animar o Nadal de Pontevedra cun Parque Aventura no que convida á rapazada e ás súas familias a realizar diferentes actividades lúdicas e pedagóxicas en diferentes espazos naturais do municipio, en concreto na Illa das Esculturas, o treito do paseo do río dos Gafos que discorre fronte á estación intermodal e o parque da Praza de Europa (no barrio de Monte Porreiro). Aproveitando o período de vacacións de Nadal dos nenos e nenas, esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, que abrangue accións destinadas a que a poboación coñeza dun xeito sinxelo e divertido a riqueza e diversidade biolóxica dos ecosistemas existentes en torno aos nosos ríos.

A primeira das actividades previstas será unha xincana dirixida a toda a familia, que se desenvolverá o mércores 28 e o xoves 29 de decembro en horario de 16:00 a 18:00 horas na Illa das Esculturas, un privilexiado contorno natural cunha superficie de 7 hectáreas e no que, seguindo as indicacións dos monitores, deberán completarse catro puntos:

  1. Rastrexo de follas. Un monitor informará e fará os labores de captación das persoas interesadas en participar, dispoñendo dun pequeno stand nas inmediacións da ponte do Covo (pasarela peonil) coas indicacións da xincana. A primeira proba consistirá en recoller follas de cando menos sete especies de plantas diferentes presentes ao longo de todo o percorrido, como poden ser carballos, rebolos, plataneiros, magnolios, eucaliptos ou carballos americanos. Tal e como apunta Iván Puentes, “para facilitar a súa identificación, un monitor amosará unha plantilla con información destas especies”. “Ademais -engade o edil do PSOE-, deberán sacarlle unha foto á planta que lle dá nome ao lugar no que se atopan, A Xunqueira, e amosarlla ao monitor ao finalizar a actividade para recibir un obsequio”.
  2. Creatividade e divertimento con recursos naturais. Aproveitando diferentes recursos como paus, froitos ou pedras, os máis pequenos deberán facer formas que os monitores lles indiquen, así como tentar superar unha proba que estes lles plantexen, consistente en empregar recursos alí presentes para xerar cousas de utilidade (por exemplo, recoller caperuzos de belotas para empregalos como chifres).
  3. Buscadores de caixas niño. Na zona do eucaliptal hai media ducia de caixas niño instaladas nos eucaliptos que, nalgúns casos, teñen a peculiaridade de ter personaxes de madeira no seu interior: dous son idénticos, un posúe uns prismáticos… E outras caixas están baleiras. Segundo explica Iván Puentes, “os participantes deberán responder ao monitor alí presente onde están cada unha das personaxes e cantas das caixas están dispoñibles para as aves.
  4. Entendendo a arte. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembra que “a Illa das Esculturas é o maior museo ao aire libre de Galicia e, xunto ao eucaliptal, hai unha obra de arte chea de simbolismo chamada ‘Os 36 xustos’, de Fernando Casás, que consiste en 36 esculturas que simulan troncos de árbores queimadas e cortadas e que fan referencia a unha historia da tradición hebrea segundo a cal 36 persoas de diferente relixión, orixe, clase e raza foron escollidas para manter o equilibrio entre a vida e a morte”. “O autor pretende criticar que o eucalipto acaba desprazando ás especies que ten ao seu arredor. A súa mensaxe descomporase en diferentes partes -avanza Iván Puentes- que se colocarán en esculturas próximas ás caixas niño da actividade anterior e, cando se teñan tódalas partes, deberán darlle sentido á mensaxe”.

En busca do Elfo de Nadal

Para o venres 30 de decembro deseñouse a actividade Busca do Elfo de Nadal, que se desenvolverá en horario de 16:00 a 18:00 horas polo río dos Gafos (o punto de inicio será no entronque das rúas do Gorgullón e A Estación, entre as estacións de trens e autobuses, onde un monitor fará os labores de captación de xente). Nesta actividade pedirase a participación da cidadanía, principalmente dos máis mozos, para localizar un pequeno elfo que se perdeu despois da visita de Papá Noel e que está tentando atopar o seu fogar.

“Os participantes -sinala Puentes- irán atopando algunhas pistas facilitadas polas nosas aliadas, ‘as árbores’, que se nos presentarán e darannos algunhas indicacións. Con estas probas, ademais de desfrutar dun sendeiro marabilloso en pleno treito urbano, iranse coñecendo diferentes especies vexetais de grande importancia na nosa biodiversidade vexetal como o loureiro, o bidueiro, o acivro, o salgueiro ou o carballo. Asemade, aproveitaremos diferentes elementos do contorno para coñecer a biodiversidade animal, como niños naturais e caixas niño artificiais para aves e morcegos. Ao finalizar a actividade, cando o río desaparece baixo a rúa Alcalde Hevia, poderemos atopar un abeto, árbore típica de Laponia, lugar nativo do noso querido elfo. Alí colocarase un boneco con forma de elfo. Tras atopalo, un monitor fará entrega dunha planta como agradecemento por axudar na súa busca”.

A última das actividades previstas é un día en familia no parque da Praza de Europa, en Monte Porreiro que se celebrará o martes 3 de xaneiro. Comezará ás 16:00 horas cunhas verbas do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e do presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez, para sensibilizar aos presentes sobre a importancia do mantemento dos nosos parques e xardíns para acadar un benestar colectivo. Música e xogos populares protagonizarán unha xornada lúdica na que os premios consistirán en diferentes variedades de plantas e que se prolongará ata as 18:30 horas.