Xogos na rúa pecha o ano cun Escape de barrio na Zona Monumental

29

A cita é mañá, 27 de decembro, e arranca ás 17.00 horas na praza do Teucro 

A zona monumental será na tarde de maña, 27 de decembro, escenario dun divertido Escape barrio, a nova proposta de Xogos na Rúa, na que os equipos familiares participantes (nenas, nenos e maiores) terán que conxugar habilidade, enxeño e dotes de observación para superar distintas probas e conseguir completar o reto, ao tempo que coñecen máis do casco histórico da cidade.

O xogo comezará ás 17.00 horas na praza do Teucro e terá unha duración de dúas horas. As prazas están esgotadas.

Xogos Na Rúa Efecto PO2 son unhas xornadas lúdicas – promovidas pola Concellería de Promoción da Cidade, dirixida por Anabel Gulías- que convidan ás familias a ocupar distintas rúas e prazas da cidade co dobre obxectivo de converter o espazo público nun punto de encontro lúdico e  inter-xeracional no que compartir xogos, risas e diversión e, por outra banda, nun escenario ideal para estreitar lazos de amizade, xerar empatía e solidariedade entre a veciñanza  e construír barrio.

A falta da celebración da Xincana Interbarrios, suspensa o 11 de decembro a causa das previsións do tempo, o Escape barrio pecha o calendario de actividade de Xogos na Rúa 2022.  Informarase da nova data do xogo adiado.

Para xogar é preciso inscribirse. A inscrición será de balde e obrigatoria a través de apuntate.pontevedra.gal ou da páxina web do Concello: pontevedra.gal. Poderán participar, como sempre, familias ou grupos de amizades cando menos cun neno/a maior de 3 anos e menor de 12 anos e unha persoa adulta ao cargo (nai, pai, curmán, avoa, irmán maior,…). É recomendable que o equipo teña un mínimo de 3 persoas, co fin de que poidan participar dun xeito activo en todas as propostas.