Lores: “O novo contrato de xestión de residuos é pioneiro e vainos poñer na vangarda da xestión dos residuos sólidos” 

47

Unha Xunta de Goberno extraordinaria aprobou esta mañá o inicio do proceso de contratación que rematará coa adxudicación do contrato máis cuantioso da historia do Concello: máis de 233 millóns de euros para os vindeiros 20 anos.

Xa está adaptado á nova Lei de residuos, supón unha mellora substancial dos medios técnicos, recolle previsións de ampliacións de futuro, e continúa na liña do coidado do medio ambiente no que traballa o Goberno Local. 

O alcalde de Pontevedra,  Miguel Anxo Fernández Lores destacou esta mañá que o novo contrato de xestión dos residuos municipais “é un salto adiante, é pioneiro e vai a poñer a Pontevedra na vangarda da xestión dos residuos sólidos municipais”. Lores referiuse ao novo contrato logo de que unha Xunta de Goberno Local extraordinaria aprobase o inicio do proceso de contratación.

Lembrou que esta licitación supón “un cambio de paradigma no tratamento dos residuos competencia municipal” porque converte aos residuos nun recurso. Tamén supón unha mellora substancial de medios técnicos e económicos ao servizo da cidade, e recolle previsións de ampliación no futuro.

O novo contrato de xestión dos residuos será “pioneiro” porque é o primeiro do Estado adaptado á nova Lei de residuos e Pontevedra será a única cidade que dispoña dunha planta de compostaxe propia.

Fernández Lores recordou que “vai a supoñer un esforzo económico importante porque no Concello de Pontevedra apostamos polo coidado do medio ambiente”. Lembrou que aínda que se ten avanzado nos últimos anos, este contrato “vai a ser un antes e un despois na liña de reducir a pegada de carbono”. De feito, o servizo incide na recollida separada como garante de que os residuos se convertan en recursos cun aproveitamento máximo do vidro, papel, envases e compost.

Para profundar na liña ambiental, faise un investimento aquilatado que ascende a 233.395.720 millóns de euros para os vindeiros 20 anos, o que supón un investimento anual de 11.669.786 euros.

O alcalde agradeceu o traballo realizado por un equipo municipal encabezado polo concelleiro Raimundo González Carballo e no que participaron os servizos económicos, técnicos e xurídicos do Concello. De feito, este prego que sairá a licitación nos vindeiros días, sufriu varias modificacións durante o seu proceso de redacción para adaptarse á nova Lei de residuos, de contratos e, incluso, á inestabilidade económica recente que obrigou a refacer o estudo económico-financeiro do contrato.

O prego do novo servizo de xestión dos residuos municipais sairá publicado nos boletíns oficiais nos vindeiros días, e seguidamente abrirase un prazo de 30 días para a presentación de ofertas polas empresas interesadas. Posteriormente reunirase a Mesa xeral de Contratación para abrir as propostas presentadas.