Iván Puentes pon en marcha a licitación do proxecto para crear o maior parque infantil do leste da cidade

134
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible destina un investimento de 200.000 euros a dotar o parque da rúa Pintor Laxeiro dunha zona de xogos con elementos para rapaces de diferentes rangos de idade e mobilidade e tematizados arredor da figura de Laxeiro nunha parcela próxima aos 1.000 metros cadrados

Trala aprobación do proxecto en Xunta de Goberno Local, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha o procedemento para licitar, cun orzamento de 198.964,58 euros, as obras de construción dunha nova zona de xogos no parque situado entre as rúas Pintor Laxeiro e Bacelar. A área de lecer infantil ocupará unha parcela próxima aos 1.000 metros cadrados (o espazo de xogo ocupará unha superficie de 760 metros cadrados), converténdose na máis grande do barrio da Parda e a zona leste da cidade.

O novo parque infantil está deseñado para dar servizo a rapaces e rapazas de diferentes rangos de idade e mobilidade, cun 60% de superficie de xogos destinada a nenos maiores de 6 anos e un 40% a elementos pensados para menores de 6 anos e tamén a algún de carácter inclusivo. Segundo sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “o parque infantil estará tematizado arredor da obra artística de José Otero Abeledo ‘Laxeiro’, coa finalidade de convertelo nun espazo de referencia e de dar a coñecer e poñer en valor diversos aspectos do traballo e vida dun dos pintores galegos máis importantes do século XX”.

“Na zona dedicada a maiores de 6 anos -explica Puentes- será obrigatoria a instalación de polo menos un xogo inclusivo, un conxunto de columpios e unha estrutura tipo torre que dispoña de, cando menos, dúas pistas de tobogán con alturas de desembarque de entre 2 e 6 metros. Na área destinada a menores de 6 anos será obrigatoria a instalación de polo menos un columpio de tipo cesta múltiple e unha estrutura tipo torre que dispoña de, cando menos, unha pista de tobogán, rede de escalada, plataforma e escada. Sobre o deseño inicial formulado polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns, os licitadores deberán xustificar unha mellor oferta no deseño dos xogos, parque, pavimentos e pendentes, así como de cantidade de funcións de xogo diferentes, características de seguridade, cumprimento de normativas técnicas, tematización e integración do conxunto dos elementos entre eles e co contorno do barrio da Parda”.

Valoraranse como melloras a baixa económica, a dotación de puntos de recarga, a redución do prazo de execución ata en 2 meses e a oferta dun plan de mantemento de 3 anos

Ademais do deseño, na valoración das ofertas presentadas polos licitadores tamén se terá en conta a baixa económica sobre o orzamento de licitación e outras melloras consistentes na dotación de puntos de recarga, a redución do prazo de execución das obras (establecido en 4 meses) ata un máximo de 2 meses e o emprego de materiais certificados como reciclados ou madeiras procedentes de xestión forestal sostible. Do mesmo xeito, contémplase a oferta dun plan de mantemento do parque de ata 3 anos de duración para a súa axeitada conservación.

Iván Puentes indica que as empresas interesadas en facerse con esta importante actuación disporán dun prazo de 20 días naturais, a contar desde o día seguinte da publicación do proxecto no Perfil do Contratante do Concello de Pontevedra, para presentar as súas ofertas.

“Estas obras -subliña o concelleiro do PSOE- veñen sumarse aos traballos en marcha para a renovación paisaxística e mellora da seguridade do parque Maruxa Mallo, adxudicadas á empresa Cespa cun orzamento de 57.831,15 euros e que inclúen a eliminación da contaminación acústica da pista de fútbol, a instalación dun valado de aceiro e madeira no noiro existente e a potenciación deste espazo verde como zona de socialización e convivencia coa dotación de áreas de estancia e novo mobiliario. O da Parda é unha dos puntos con maior crecemento e desenvolvemento urbano de Pontevedra e, por ese motivo, desde a Concellería de Desenvolvemento Sostible pretendemos optimizar a calidade de vida do barrio coa incorporación de zonas verdes e de lecer de calidade”.

O edil socialista fai fincapé na importancia de “apurar o paso cara a unha cidade máis saudable, inclusiva e adaptada ao cambio climático, mediante o desenvolvemento de zonas verdes de calidade e instalación de zonas de estancia inclusivas para persoas de tódalas idades”. “Nesta mesma dirección, tamén contemplamos a dotación de diverso mobiliario para a mellora da capacidade de acollida e confort dos espazos, incorporando no seu deseño criterios de sostenibilidade ambiental”, afirma Iván Puentes.