Un proceso participativo entre Concello, veciñanza e tecido asociativo mudará a situación da rúa Altamira  

110
Taller Aberto iniciará en breve unha serie de reunións coa xente do lugar para coñecer as demandas e as ideas que teñen para o futuro deste barrio no que viven preto de 300 familias 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto cos concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, e o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda; visitou esta mañá de mércores, 4 de xaneiro, a rúa Altamira e os diferentes espazos entre edificios que a compoñen entre as rúas San Antoniño e Fernando Olmedo. O obxectivo non é outro que comezar o traballo de estudo para mudar o seu aspecto e mellorar a calidade de vida das persoas que viven nesta zona, que se estiman en preto de 300 familias. 

Rexedor e edís mantiveron unha reunión a pé de rúa con representantes veciñais e co colectivo Taller Abierto, co fin de coñecer a situación actual do lugar e iniciar de xeito público un proceso participativo para consensuar unha mellora substancial do barrio. «O Concello quere ver cal é o resultado deste proceso que agora veciñanza e Taller Abierto comezan para poder axudar a que sexa posíbel. Cremos que é a forma máis positiva de ir avanzando. Hai un desexo de mellora do espazo, nun espazo que habita xente diversa, con base na participación colectiva», explicou o alcalde.

«Seguramente sexa imposíbel conseguir o consenso total. É algo imposíbel, pero, se hai un acordo maioritario, o Concello fará un investimento axeitado para mellorar a calidade de vida das persoas de Altamira», indicou o rexedor. «Sabemos que o barrio se está a mover, que hai xente nova que está a facer cousas, que fixeron un magosto impresionante, unha chocolatada no Nadal… Queremos apoiar todo este movemento activo e participativo e facer deste espazo un lugar máis digno e cohesionado».

O representante veciñal, David Pereira; agredeceu a visita do alcalde e os edís, e sinalou que o que se pide nun inicio é a «dignificación» do barrio. «Este é un lugar con moitas posibilidades: estamos no centro, ten espazos libres, é diverso, é vivo e cremos que quedou algo ancorado no tempo. Agardamos poder contar cun espazo máis vivible, con mellores acabados, soterrar instalacións… Volver gozar da rúa do mellor xeito. Poñelo en valor».

Pola súa banda, África Martínez, de Taller Abierto —responsábeis de conducir e levar ao cabo o nomeado proceso participativo xunto coa veciñanza—, indicou que iniciarán logo do remate do Nadal unha serie de xuntanzas cos veciños e veciñas da zona. «Pretendemos que expresen as súas necesidades. Recolleremos esa información e propoñeremos tamén alternativas ou ideas para eses cambios que queren ver no barrio. Porén, teñen que ser eles e elas os que digan que queren, pois se a solución parte deles será máis aceptada, e tamén coidarán máis a contorna do espazo público o día de mañá», explicou.

«Debemos chegar a unha solución consensuada. Ímolo traducir a unha linguaxe técnica sobre plano, que logo será amosado á veciñanza, facer os matices necesarios, e finalmente que isto sexa unha proposta realista que poida ser levada a bo porto», sinalou Martínez. «Queremos facelo o antes posíbel e así nolo transmitiu o Concello».