As obras da via entre O Pazo e Carabelos (Mourente) encaran a súa recta final co pavimentado da vía 

11
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá as actuacións que se están a realizar, acompañado do coordinador do Rural, Alberto Oubiña
En total, o Concello de Pontevedra investiu preto de tres millóns neste paquete de actuacións que está a efectuar a empresa Covsa 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, visitou esta mañá de venres, 13 de xaneiro, as obras de pavimentado da vía entre Carabelos e O Pazo, na parroquia de Mourente, incluídas dentro do Plan de mellora da accesibilidade e seguranza viaria nos núcleos rurais de Pontevedra.

«Estamos traballando en distintas obras en distintas parroquias ao mesmo tempo. Son tres millóns de euros de investimento para vías municipais. Esta, a que estamos hoxe visitando, está ao redor do medio millón de euros. O obxectivo non é outro que rehabilitar o firme, mellorar as pluviais… É unha pista de máis dun quilómetro que mellorará de xeito substancial», explicou o rexedor. «É unha obra necesaria e que se está facendo do mellor xeito posíbel. Forma parte dese paquete global que está a executar Covsa e que xa leva tempo adxudicado, pero as intensas choivas non permitiron que se actuase con máis axilidade».

Fernández Lores tamén quixo lembrarlles ao conxunto dos veciños e veciñas que se achegaron durante esta visita que tamén serán asfaltadas as vías que parten deste vial, co fin de rematar a obra de alcantarillado e abastecemento de auga, que unha vez estea finalizada e conectada coas casas «quedará por moito tempo, polo que insistimos en que a veciñanza debe solicitar esta conexión ou deberá logo gastar moitísimos cartos en abrir e reasfaltar logo desta obra».