Rearborízate bate a súa marca de inscritos e ofrece unha segunda vida ás árbores naturais que adornaron os fogares pontevedreses  

81
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co edil de Montes e Parques forestais, Alberto Oubiña, tamén participou e estivo presente nesta xornada de grande ambiente familiar
Preto de trinta persoas decidiron acudir até a replantación, o que permite albiscar os avances en materia de conciencia medio ambiental que se vén dando no municipio 

Un ano máis, o Concello de Pontevedra, en colaboración coa comunidade de montes de Tomeza, celebrou unha nova xornada de Rearborízate, un programa municipal que procura a replantación das árbores de Nadal naturais que adornaron os fogares ao longo destas semanas.

Nesta ocasión, a xornada superou as anteriores marcas de participación, un feito que o coordinador do Rural e concelleiro de Montes e Parques forestais, Alberto Oubiña, relaciona co feito de que a veciñanza de Pontevedra «incrementou ano a ano a súa conciencia medio ambiental». «Esta iniciativa esta marcada nesa idea de Efecto PO2, de mellorar o medio ambiente desde unha perspectiva micro, é dicir, comprobar que desde Pontevedra podemos mudar grandes cousas no mundo. Sempre estaremos nesa vangarda que procura un futuro mellor para os que están por vir».

GDS 9050
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante un intre da xornada, axudando a replantar unha das árbores.

Ao redor de tres decenas de persoas participaron na replantación deste ano, á que tamén acudiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou o bo ambiente que se viviu durante a mesma, moi familiar, que permite crear conciencia medio ambiental, coñecer os montes do municipio e darlle unha segunda vida a esas árbores que estiveron presentes nas casas durante o Nadal.

Como anécdota, cómpre dicir que unha das familias inscritas levou un carballo para ver se este logra botar raíces neste espazo da parroquia de Tomeza e continúa medrando nos vindeiros anos.