Lores: «Queremos dar unha resposta conxunta e contundente para que a nosa veciñanza sexa atendida con dignidade» 

20
O alcalde de Pontevedra, xunto con representantes doutros 18 municipios do distrito sanitario, asina un manifesto no que esixe medidas a curto, medio e longo prazo que revertan a actual situación da sanidade pública  

O Concello de Pontevedra funcionou como sede esta mañá para acoller a reunión de alcaldes e voceiros municipais dos distintos concellos que forman parte do distrito sanitario de Pontevedra, que queda enmarcado dentro da área sanitaria Pontevedra-Salnés. Tal e como foi indicado no seu día, o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, tomou a iniciativa á hora de promover esta xuntanza co fin de crear un fronte común co fin de reclamar as medidas necesarias para reverter a actual situación sanitaria que a veciñanza dos diferentes núcleos, urbanos e rurais, está a vivir.

«Alcaldes e voceiros tivemos esta mañá unha reunión en condición de representantes dos cidadáns. Coido que fomos elixidos para moitas cousas, e unha delas debe ser a de dar unha resposta conxunta e contundente ante unha situación de necesidade imperiosa como é que o ecosistema sanitario público atenda con dignidade aos nosos veciños e veciñas», sinalou o rexedor pontevedrés. «Non estamos aquí para outra cousa que para esixirlle a administración competente, neste caso a Xunta de Galiza, o Sergas, que tome as medidas pertinentes a curto, medio e longo prazo para que a sanidade pública ofreza un servizo acorde aos tempos».

O alcalde fixo fincapé na idea da defensa deste sistema universal, e que todo aquel que teña unha doenza ou necesidade de atención sanitaria debe ser atendido do mellor xeito posíbel, nun prazo razoábel de tempo, sexa unha consulta de atención primaria, de pediatría ou de urxencia hospitalaria.

«Sabemos que faltan médicos, sabemos como a xente está a peregrinar entre municipios buscando traballadores sanitarios, centros nos que poidan ser atendidos. Temos a obriga de esixir as medidas pertinentes para que isto non pase. A situación non está mellorando, non mellorou despois da pandemia, e a xente ten que ser atendida como merece», sinalou Lores. «Xa non estamos falando de que o médico de cabeceira faga unha atención que vaia desde a prevención e o fomento de bos hábitos, estamos dicindo que no intre actual, cando unha persoa precisa dun profesional, vai tardar en velo 15 días ou será atendido por teléfono. Non pode ser».

O rexedor de Pontevedra lembrou que non se pon en dúbida o traballo dos profesionais sanitarios «que día a día fan un esforzo extremo», pero as mesmas condicións que sofren decotío pode provocar unha atención inadecuada. «O paciente precisa tempo cos profesionais. Debe ser atendido non só de forma urxente, senón que o profesional que o atende precisa de certas condicións dignas para exercer o seu traballo. Hai que mudar a situación».

O manifesto creado hoxe foi aprobado de xeito unánime por todos os presentes na reunión co fin de ser transmitido á opinión pública e aos responsábeis sanitarios do país.