Noites Abertas 2023 volve un ano máis con toda a forza posíbela través de 150 sesións de actividades para a mocidade 

373
O programa promovido pola área de Xuventude, dirixida por Alberto Oubiña, é un dos máis lonxevos e exitosos do Concello, con 24 anos de historia nas súas costas
Cociña, expresión artística, deporte, videoxogos, memorística, socialización… Todo ten cabida nestas Noites Abertas que recuperan a total normalidade logo da pandemia 

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou esta mañá de xoves o programa de Noites Abertas 2023. Máis que coñecida e querida na cidade, a proposta de ocio e cultura para a mocidade que promove esta área municipal é un clásico anual que nin a pandemia da Covid-19 foi quen de deter no seu día.

Noites Abertas 2023 volverá amosar o seu programa nos centros de ensino da cidade, nas rúas e nas prazas co fin de divulgar un programa tan diverso «como o é a mocidade de hoxe en día», seguindo as palabras de Oubiña durante a presentación. «Chegamos á edición número 24 que recupera a normalidade de xeito pleno, sen máscaras (agás quen queira levala), sen restrición algunha, e con gana de traer propostas únicas e divertidas».

Os espazos deste ano nos que se desenvolverán seguen a ser o Froebel, a Casa Azul, o Pavillón Multiusos e os campos de herba sintética situados ao carón deste, a praia fluvial do Lérez (para a ruta nocturna en kaiak), o Local de Música, o parque de cans (da xunqueira de Alba), a praza da Ferraría, a senda do Gafos e, como novidade ben especial, Santa Clara, que acollerá un Escape room moi especial «e moi controlado polos propios monitores de Noites Abertas, sendo nunha zona concreta e acoutada do antigo convento».

En total, o programa deste ano vai desde o 27 de xaneiro até o 1 de abril, propiciando 16 xornadas cun horario de actividades que oscila entre as 18 horas e 00.30 da noite. Todos os venres e sábados haberá que escoller que facer e con que divertirse, agás catro días concretas, que coinciden coa celebración do Entroido na cidade —o 16 e o 18, e o 24 e o 25 de febreiro—.

«En total teremos 150 sesións nas que pode participar calquera rapaz ou rapaza con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos», explicou o edil. «As actividades, coma sempre, xiran ao redor de diferentes eidos temáticos: actividades físico-deportivas, de cociña, creativas, de expresión artística, videoxogos, memorística… Todas serán de balde».

As actividades parten de diversos sectores da poboación como son «empresas locais e asociacións da cidade, amais de clubs deportivos e tamén propostas individuais». Cómpre lembrar, en relación con esta última categoría, que Noites Abertas ten como un dos seus obxectivos clave como é o fomento da participación cidadá. 

Que actividades ofrecerá este ano NN. AA.? Repiten propostas míticas como cestaría (desde o primeiro ano), observación nocturna no Gafos, billarda, tenis de mesa, bádminton, fútbol 7 mixto, a lámpada marabillosa (introducida o ano pasado con enorme éxito, que conta cun formato libre de esparexemento na Casa Azul)… Introdúcese algunha nova como o xa nomeado Escape Room en Santa Clara, de realidade virtual con Gaming Troop, pintura de miniaturas e wargames con Rotting Pizza (asociación local de recente creación), etcétera.

Todas as actividades poden ser consultadas na páxina web oficial do programa. As ilustracións e cartel deste ano foron realizadas polo estudio pontevedrés Culebra.