Iván Puentes anuncia que a sinatura do maior contrato de Parques e Xardíns da historia de Pontevedra “ten vía libre” tralo rexeitamento do recurso presentado pola anterior concesionaria

31
  • O portavoz do PSOE explica que “aínda que PreZero ten a opción de recorrer á xustiza ordinaria, esgotouse a vía administrativa e a nova adxudicataria, Elsamex, xa pode poñer en marcha os traballos de mantemento dos espazos verdes que supoñen o groso dun contrato que incrementa o orzamento nun 60,75% en relación ao anterior e a superficie nun 42%
  • Puentes está convencido de que “unha vez que se poña en funcionamento ao novo plantel, que pasa dos 13 operarios actuais a 26, haberá un enorme salto cuantitativo e cualitativo na conservación das zonas verdes de Pontevedra”

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia vén de informar ao Concello de Pontevedra sobre a súa decisión de rexeitar o recurso presentado pola anterior concesionaria (PreZero) contra a súa decisión de adxudicar a Elsamex o principal lote do novo contrato de Parques e Xardíns. Unha resolución que, segundo explica o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, deixa “esgota a vía administrativa e despexa o camiño para asinar o contrato coa nova empresa adxudicataria e para que esta para poida poñer en marcha os traballos de mantemento do maior contrato que a nosa cidade tivo neste eido en toda a súa historia”. “Aínda que PreZero pode recorrer á xustiza ordinaria e haberá un breve período de transición -indica Puentes, concelleiro responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural-, levántase a suspensión cautelar do procedemento e xa non é necesario seguir prorrogando o anterior contrato, polo que Elsamex ten vía libre para asumir o groso dun contrato que incrementa o seu orzamento nun 60,75% en relación ao anterior e a superficie nun 42%”.

Tal e como lembra o voceiro socialista, o Concello xa activara a finais de decembro o lote do contrato reservado a entidades sociais (que non estaba afectado pola impugnación), outorgado á Fundación Juan XXIII por uns 148.000 euros anuais, permitindo que os seis operarios contratados para facerse cargo desta parte iniciasen a cobertura da limpeza e mantemento de espazos verdes como O Miradoiro de Monte Porreiro, a Cidade de Pedro, o contorno da estación intermodal, Amalia Álvarez e o futuro parque da pasarela de 12 de Novembro. Non obstante, o lote adxudicado a Elsamex representa o groso desta concesión de catro anos (prorrogable por un) que suporá un investimento global de máis de 4 millóns de euros (a millón por ano) e un tremendo incremento da superficie, que pasa de 884.000 a 1,2 millóns de metros cadrados.

“A meirande parte do investimento, 3,4 millóns de euros (arredor de 870.000 euros ao ano), destínase ao lote adxudicado a Elsamex, á que lle corresponde o mantemento de espazos tan importantes como Campolongo, a Alameda, As Palmeiras, Mollavao, a Illa das Esculturas, o contorno do río dos Gafos, A Xunqueira de Alba ou as zonas verdes da Uned”, sinala Puentes.

Ámbalas concesionarias encargaranse de manter en perfecto estado parques urbanos, xardíns, xardineiras, zonas verdes de colexios públicos e centros socioculturais e unha parte do parque forestal do Pontillón do Castro, así como medianeiras, noiros e rotondas. O contrato incrementará o seu radio de acción cara ao barrio de Monte Porreiro (que se cubrirá por completo), parte do campus universitario de Pontevedra e o contorno do Pazo da Cultura.

Así mesmo, establece máis de 70 áreas de actuación con zonas verdes ou espazos axardinados, entre as que tamén se inclúen as avenidas de Bos Aires e Uruguai, o parque de Valdecorvos, os antigos terreos de Tafisa, as sendas fluviais do Lérez, o contorno de Pasarón, o paseo peonil das Corvaceiras, Ponte Muíños, a Praza de Galicia e Augusto García Sánchez.

Duplícanse os operarios e o número de árbores que se atenderán

Ademais de multiplicar a superficie de intervención, o novo contrato de Parques e Xardíns aumenta a plantilla de traballadores dos 13 actuais ata os 26 (coa subrogación dos actuais, serán 20 para o lote de Elsamex e 6 para o de Juan XXIII) e incrementa en máis do dobre o número de árbores que se atenderán, dos 838 exemplares actuais a 1.725, abranguendo o tratamento de alcriques, a limpeza de malas herbas e maleza e todo o arboredo viario.

Iván Puentes está convencido de que “unha vez que se poña en funcionamento ao novo plantel, haberá un enorme salto cuantitativo e cualitativo na conservación das zonas verdes de Pontevedra”, dando atención a parques de barrio como os de Monte Porreiro, incorporando os xardíns da Uned, que se abrirán ao público este ano, e abranguendo tódalas zonas verdes dos colexios públicos e contornos de centros sociais das parroquias do rural.

Tamén se fará maior fincapé en aspectos como a sostibilidade e a loita contra o cambio climático, incorporando novas maquinas e vehículos eléctricos sen emisións de gases de efecto invernadoiro, reducindo a aplicación de fitocidas e herbicidas ao mínimo e aplicando un conxunto de procedementos de xestión destinados a acadar a excelencia na calidade ambiental do mantemento das zonas verdes. Asemade, o contrato sitúa en primeiro plano a integración e recoñecemento social dos traballadores con diversidade funcional, que resultan esenciais nas tarefas de conservación dos nosos xardíns e espazos verdes.