Yoya Blanco leva o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación a nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante de Pontevedra

23
  • A concelleira de Promoción Económica lembra que o actual regulamento, que data de 1997, “quedou moi obsoleto”, e sinala que, entre as novidades introducidas inclúense a admisión dos cambios de titularidade dos postos (agora son persoais e intransferibles); a eliminación dos criterios de adxudicación baseados na antigüidade, e o establecemento dos produtos autorizados e prohibidos

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación a nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante do concello de Pontevedra. Tal e como lembra a socialista, “o regulamento vixente, que foi aprobado polo Pleno o 17 de xaneiro de 1997, quedou moi obsoleto, polo que esta renovación normativa resulta esencial para regular o actual contexto dunha fórmula comercial con tanto arraigo histórico, permitindo a adaptación aos cambios, fácticos e lexislativos, que tiveron lugar nestes anos, e aos novos escenarios económicos”.

Non obstante, tras 25 anos de aplicación da actual ordenanza, os técnicos municipais observaron a existencia de multitude de circunstancias que foron obxecto de regulación ou modificación, polo que Blanco considerou conveniente impulsar unha nova regulación que logre dar resposta aos problemas detectados na interpretación e aplicación da vella normativa. Segundo apunta a concelleira do PSOE, “entre as novidades introducidas inclúense a admisión dos cambios de titularidade dos postos, que deixarán de ser persoais e intransferibles, e a eliminación dos anteriores criterios de adxudicación baseados na antigüidade reiterada dun espazo, sendo a partir de agora a convocatoria de licitación a que indique os criterios que se aplicarán para a adxudicación das autorizacións, en rexime de concorrencia competitiva”.

“Ata a data, a norma dicía que, de coincidir nun día festivo, a celebración do mercadillo debía adiantarse ao día anterior, pero coa nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante será posible, en casos excepcionais debidamente xustificados, manter como xornada de feira o día festivo ou atrasar a celebración ao día posterior. Ademais -explica Yoya Blanco-, tamén regula os produtos autorizados e prohibidos, establecendo que tipo de artigos se permitirán vender cando se autorice a montaxe dos mercados de antigüidades e segunda man”.

A ordenanza impulsada por Blanco foi elaborada tendo moi en conta as opinións da cidadanía e das organizacións máis representativas. De feito, a Concellería de Promoción Económica abriu durante o mes de abril do ano pasado un trámite de consulta pública de 20 días hábiles para que todas aquelas persoas interesadas e potencialmente afectadas pola modificación normativa puidesen presentar as súas suxestións e propostas a través dun formulario web.

Amais de evitar a obsolescencia da normativa vixente, a nova ordenanza convértese nun importante instrumento normativo que ofrece respostas a aspectos como a actualización e modernización do concepto xeral de venda ambulante, adaptándoo as novas necesidades sociais, co fin de evitar a perda de importancia para o consumidor; as normas de funcionamento dos mercados ambulantes; as relacións entre o Concello de Pontevedra e os titulares de postos; a delimitación dos posibles usos admisibles nos mercados ambulantes, e a regulación dun rexime sancionador, con específica tipificación de infraccións e sancións, e delimitación de competencias na materia. Os mercados de venda ambulante deben ser entendidos hoxe en día como espazos públicos, xestionados directamente polo Concello, que integran a un colectivo de vendedores que comparten a utilización de instalacións de uso público.

O mercadillo de Rafael Areses (que o Concello estuda trasladar a Alameda) conta con 89 postos dispoñibles, dos que 34 están vacantes, mentres que o que se celebra en Estribela dispón de 56 postos, dos que 26 están libres.