Benestar Social vólcase coa campaña de concienciación impulsada pola Asociación Española contra Cancro en Pontevedra co gallo do día mundial da enfermidade

17
  • O portavoz do Grupo Municipal do PSOE, Iván Puentes, e os concelleiros Marcos Rey e Yoya Blanco participarán o venres 3 de febreiro na Praza da Ferrería no acto de representación dun gran lazo humano de cor verde co obxectivo de visibilizar a realidade do cancro
  • O Concello de Pontevedra cederá diversos mupis e marquesiñas para instalar carteis nos que poderán lerse as mensaxes ‘Se 1 de cada 2 homes terá cancro’ e ‘Se 1 de cada 3 mulleres terá cancro’… ‘Tod@s contra o cancro. Faite socio e elixe #TodosContraElCáncer para alcanzar o 70% de supervivencia’

A Concellería de Benestar Social volcarase coa campaña de concienciación impulsada pola Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra co gallo do 4 de febreiro, Día Mundial contra o Cancro, cos obxectivos de comunicar e visibilizar esta enfermidade e as súas desigualdades e de traballar nun grande acordo, mobilizando á sociedade e aos grupos de interese, de cara a acadar o 70% de supervivencia. O departamento que dirixe o socialista Marcos Rey cederá diversos mupis e marquesiñas en distintos puntos da cidade para a instalación de carteis de 1.750×1.200 cm nos que poderán lerse as mensaxes ‘Se 1 de cada 2 homes terá cancro’ e ‘Se 1 de cada 3 mulleres terá cancro’… ‘Tod@s contra o cancro. Faite socio e elixe #TodosContraElCáncer para alcanzar o 70% de supervivencia’.

Ademais, tanto Marcos Rey como o portavoz do Grupo Municipal do PSOE, Iván Puentes, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, participarán o venres 3 de febreiro ás 12:00 horas nun acto organizado pola Asociación Española contra o Cancro no que se levará a cabo a representación dun gran lazo humano de cor verde co obxectivo de visibilizar a realidade da enfermidade. Tal e como sinala o edil de Benestar Social, “baixo o lema ‘Tod@s contra o cancro’, o Concello quere achegar o seu gran de area a esta campaña de concienciación sobre o principal problema sociosanitario actual, impulsada co reto de situar a supervivencia á enfermidade no 70% en 2030, un obxectivo que non pode acadarse sen un gran acordo no que se comprometa á sociedade civil e aos principais axentes sociais”.