A Policía Local realizou no 2022 un total de 31 intervencións en relación coa violencia de xénero, só unha menos que no ano anterior 

15
A concelleira de Protección e Seguridade cidadá, Eva Vilaverde, afirma que non se trata dun balance positivo, e cómpre seguir traballando en favor das vítimas e da prevención de delitos
O Concello agradece a colaboración veciñal, cada vez máis concienciada, xa que máis do 70 % dos delitos que acabaron no xulgado partiron de denuncias cidadás 

A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou esta mañá de mércores a memoria de violencia de xénero do ano 2022 da Policía Local de Pontevedra. O documento recolle todos os datos e cifras que garda relación coas actuacións realizadas polo corpo policial ao longo do pasado ano que teñen que ver coa violencia de xénero. 

Cómpre lembrar que este informe só recolle en exclusiva as realizadas pola Policía Local, e non inclúe as doutros corpos de seguridade como pode ser a Policía Nacional. 

«Unha vez feito o balance, este non pode ser bo», iniciou a súa intervención de xeito contundente a edil. «Mantémonos nos niveis do ano pasado. Falamos de 31 intervencións, polo que se fixeron 31 atestados relacionados coa violencia de xénero, dos cales 16 remataron con persoas detidas, 15 remataron con persoas investigadas e, destas 15, podemos dicir que 10 son por quebrantamento da orde de afastamento e 5 por malos tratos».

Tal e como sinalou a concelleira, se o ano pasado, logo da pandemia provocada pola Covid-19 percibiuse un aumento dos casos de violencia de xénero, este ano as cifras seguen nos mesmos niveis, onde simplemente se reduciu en unha, as persoas detidas ou investigadas por este tipo de delitos.

«A media de idade, neste ano, ou que aporta un perfil máis repetido, é o de un home duns 25 a 35 anos, se ben tampouco pensamos que sexa demasiado relevante, pero semella que unha porcentaxe elevada de casos están relacionados con esta media de idade», sinalou a edil.  

Doutra banda, a memoria do 2022 tamén inclúe un resumo das actuacións realizadas polo equipo especial de violencia de xénero da Policía Local de Pontevedra. «Boa parte do seu traballo tradúcese en seguimento. Un seguimento continuo por teléfono, con entrevistas, vixilancia do autor e do seu entorno… Falamos de 578 contactos telefónicos, por exemplo». 

A día de hoxe, a Policía Local ten 15 vítimas baixo a súa protección. Destas 15, dúas estarían valoradas con risco medio, nove con risco baixo, en 4 non se aprecia risco e sete aínda están pendentes de valoración —mais están en seguimento—.

Axuda veciñal e concienciación

En total recibíronse 137 chamadas denunciando actos de posibles delitos de violencia de xénero (fortes discusións, berros, agresións, etc..), xerando unha rápida intervención das patrullas da Policía Local de Pontevedra. A maioría (87 %) son intervencións sen consecuencia penal, mais o 15 % acaban en dilixencias xulgado por un presunto delito de violencia de xénero.

«Neste sentido, si me parece relevante dicir que a veciñanza cada vez está máis concienciada, que avisa no caso de detectar comportamentos deste tipo e tenta axudar ás vítimas», explicou Vilaverde. «Grazas á colaboración cidadá foron detectadas moitas situacións de risco que podían ser posíbeis agresións e foron freadas grazas a estas persoas. Máis do 76 % das casos que acabaron en intervención penal foi grazas á veciñanza concienciada, da que podemos congratularnos. Porén, queda moito traballo por facer e, por suposto, desde a Policía Local, seguiremos prestando unha atención especial neste eido».