O Ganapán pecha esta fin de semana o mes de xaneiro cunha proposta de actividades nas que os máis pequenos poderán elaborar banana bread con chocolate e torta de pexegos en xarope

24
  • O programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica no Gastroespazo do Mercado de Abastos tamén incluirá obradoiros creativos nos que a rapazada poderá confeccionar xoguetes ópticos e orixinais cámaras fotográficas

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Gastroespazo do Mercado de Abastos, pechará esta fin de semana o mes de xaneiro cunha proposta na que non faltarán as receitas de deliciosos doces e divertidos talleres creativos. Así, entre os obradoiros deseñados para nenos e nenas de 4 a 10 anos, que se desenvolverán o sábado 28 e o domingo 29 de xaneiro en horario de 11:30 a 13:30 horas, inclúense actividades de elaboración de saborosos e zumarentos pans de plátano maduro e chocolate (banana bread con chocolate) e exquisitas tortas de pexegos cunha crocante capa de xarope.

Asemade, segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “os máis pequenos tamén poderán desfrutar duns talleres nos que terán ocasión de construír un xoguete óptico, que fai uns efectos visuais alucinantes ao xirar, e de confeccionar unha orixinal cámara de fotos”. “Todos aqueles rapaces e rapazas interesados en participar -sinala a edil do PSOE- deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando no correo posibles alerxias ou intolerancias. O mellor consello que sempre dou é que ninguén esqueza traer friameira para levar a casa as receitas cociñadas”.