Desenvolvemento Sostible acometerá actuacións para mellorar o estado do pavimento da Alameda de cara ao inminente traslado da feira ambulante

13
  • A falta de que a Policía Local elabore o correspondente informe técnico, os ambulantes e a Concellería de Promoción Económica ultiman a distribución dos 55 postos de venda 

A falta de que a Policía Local elabore o correspondente informe técnico, que definirá cuestións como o plan de tráfico e as zonas de estacionamento dos vehículos dos vendedores, os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes mantiveron esta mañá unha reunión sobre o terreo cos portavoces dos ambulantes de cara a ultimar a distribución dos 55 postos de venda que se trasladarán de xeito inminente desde o seu emprazamento actual, na rúa Rafael Areses (a carón do Pazo da Cultura), ao parque da Alameda. Durante o encontro, que serviu para confirmar a idoneidade do espazo, que conta con superficie de sobra para acoller tódalas instalacións, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible anunciou a execución de traballos de acondicionamento que permitirán mellorar o estado do pavimento antes de que se produza ese agardado regreso do mercadillo ao centro da cidade.

Puentes explicou que “as actuacións que se levarán a cabo son moi sinxelas”, limitándose esencialmente “a un pequeno acondicionamento do chan nunha zona moi reducida, a máis próxima a El Cafetín e o ambulatorio Virxe Peregrina, que é a entrada a nivel que o parque ten desde a rúa Alameda, xa que, nos días de choiva, a auga empoza nesa área e produce lameiros que dificultan o uso do chan neses días”. “No resto da Alameda -matiza o portavoz municipal do PSOE- será suficiente cos labores de mantemento ordinario para controlar a aparición de maleza e de herba nas zonas perimetrais e, por suposto, a revisión e mantemento xeral das árbores, que xa se fai desde a Concellería. Son polo tanto obras moi sinxelas que se farían nun par de xornadas”.

En opinión de Iván Puentes, “o traslado da feira a este recinto vaille dar un pulo á Alameda, un espazo que está claramente infrautilizado, que no verán ten unha certa actividade, pero que no resto do ano practicamente non ten uso”. “Con isto -engadiu o socialista-, poderémolo dinamizar e o propio uso e a maior presenza de xente tamén axudarán a que o espazo estea xa de por si mantido en mellores condicións”.

Tal e como asegurou Yoya Blanco, “os postos caben perfectamente, xa sabiamos que na Alameda non existía ningún problema neste eido, pois xa estamos acostumados a que se celebren aquí as festas e que incluso este pasado verán se organizaran concertos”. A concelleira de Promoción Económica agarda que a feira ambulante se poida traslada ao centro “en breve”, avanzando que os postos destinados a plantas e alimentación “estarán ubicados na cabeceira que dá cara ao barrio de San Roque, mentres que os dedicados á venda de produtos téxtiles emprazaranse na parte que dá cara a El Cafetín”.

Para Blanco, “esta é unha boísima noticia para toda a hostalería e o comercio do centro de Pontevedra, xa que é unha realidade que os mercadillos orixinan sinerxías cando están no centro e imos xerar máis actividade económica na cidade os sábados pola mañá, que é do que se trata”. “Estamos ultimando ben cales serán as ‘rúas’ da Alameda que se poden empregar para colocar os postos -indicou a concelleira do PSOE-, pero hai sitio de sobra. Agardo que a Policía Local nos poida remitir o seu informe na vindeira semana, xa que é fundamental, e que a partir de aí poidamos poñer xa unha data concreta. Os ambulantes están con gañas e nós tamén, porque isto vai xerar moitísima actividade económica no centro da cidade”.

“Nós estamos con tódalas gañas do mundo”

A presidenta da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, Margarita González Bértola, amosouse entusiasta coa posibilidade dun traslado a unha ubicación que considera “formidable” e afirmou que o colectivo está “con tódalas gañas do mundo”. Segundo subliñou Bértola, “as feiras todas soen estar no centro da cidade en tódolos municipios de Galicia e de España”, polo que este traslado contribuirá “a achegar economía á hostalería e ao conxunto do comercio local”.

“Na Alameda -apuntou a voceira dos ambulantes- haberá que poñer unha ou dúas filas de postos polo centro, pero iso non vai ser ningún inconvinte porque as rúas interiores son anchas. O único que precisamos é o adecentamento do terreo”.