A Festa dos Libros marca no calendario a súa celebración para encher a Ferraría de libros e cultura 

34
Entre o 7 e o 9 de xullo, trece librarías da cidade promoverán presentacións, sinaturas, conversas e máis actividades  nun espazo singular e emblemático da cidade

A Festa dos Libros volverá no 2023. A concelleira de Festas, Carme da Silva, mantivo unha reunión esta semana coas librarías pontevedresas e os seus responsábeis para comezar a xestar a edición deste ano, que xa conta cunha data que marcar no calendario.

Entre o 7 e o 9 de xullo, a praza da Ferraría funcionará como un epicentro cultural de historias, relatos, conversas e contos. A Festa dos Libros é exemplo evidente de como Pontevedra logra usar o espazo público como un escenario para o encontro e o ocio. Así, alén da venda de libros, os libreiros e libreiras promoverán sesións de conta contos, presentacións de novos títulos, sinaturas de obras, charlas e mesas redondas, concertos, etcétera.

Os horarios serán de 11 a 14 horas e de 18 a 22.30 horas, agás o domingo, no que o peche será ás 22 horas. En total, participarán 13 librarías da Boa Vila:

1.     AVIONES DE PAPEL

2.     CAO

3.     CLIP 

4.     CRONOPIOS

5.     D-LECTUM

6.     EL NARANJO

7.     EL PUEBLO 

8.    ESPAZO LECTOR NOBEL

9.    LA NUBE DE PAPEL 

10.   LIBRARÍA PAZ

11.   LIBRERÍA ESCOLMA

12.   LIBRERÍA METÁFORA

13.   LIBRERÍA SEIJAS