O proxecto de remodelación integral do parque de Pasarón duplicará a superficie de xogos infantís e renderá tributo ao Pontevedra CF

226
  • A actuación impulsada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, suporá un investimento duns 400.000 euros e incluirá a substitución do estanque actual por un xardín de choiva, a construción dunha pista multideporte, a creación dun parque canino e a instalación dun circuíto de calistenia
  • A reforma foi deseñada ‘á carta’ pola veciñanza, incluíndo as propostas realizadas nun proceso de participación cidadá no que se recolleron máis de cen peticións e suxestións achegadas polos veciños
  • Iván Puentes agarda que os traballos, que teñen un prazo de execución de seis meses, poidan poñerse en marcha en primavera

O proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para a remodelación integral do parque de Pasarón suporá un investimento duns 400.000 euros e permitirá duplicar a superficie destinada a xogos infantís, substituír o estanque actual por un xardín de choiva, construír unha pista multideporte e crear unha nova zona de paseo para cans. O concelleiro responsable da área, o socialista Iván Puentes, agarda que esta demandada actuación, que foi deseñada mediante un proceso de participación cidadá e que renderá tributo ao Pontevedra CF, se poida poñer en marcha durante o mes de marzo.

Tal e como apunta o portavoz municipal do PSOE, o parque está situado na zona norte do estadio de Pasarón, na rúa dedicada ao defensa Luís Otero Sánchez-Encinas, “un dos primeiros xogadores da Selección Española, medalla de prata en Amberes 1920 e cunha vida ligada ao desenvolvemento do fútbol en Galicia, pois xogou nos equipos máis destacados da época de Pontevedra, Vigo e A Coruña”. “Logo duns 20 anos desde a construción desta zona de lecer, consideramos prioritaria unha reforma integral, coa instalación de novos elementos de xogo e unha ampliación de superficie que dea resposta ao crecemento do barrio do Burgo. O proxecto redactado pola firma Acroa formula a dotación dun espazo para cans e dunha zona deportiva tipo calistenia, así como a aplicación de criterios de sostibilidade e adaptación ao cambio climático, como a elección de determinadas especies vexetais, o emprego de materiais reciclados ou a incorporación de sistemas naturais de drenaxe e xestión da auga. Seguindo a filosofía de crear parques singulares, con personalidade propia e certo carácter didáctico, optamos por unha tematización de diversos elementos arredor da historia do Pontevedra Club de Fútbol”, explica Iván Puentes.

Puentes, que está mañá realizou unha visita a este amplo espazo de lecer, incidiu na importancia de que o parque de Pasarón “se manteña como un espazo eminentemente verde, dotado de diversas zonas de sombra e descanso”, para o que “non só se conservarán e reubicarán as árbores existentes no contorno do estanque, algunhas delas de certo porte, senón que tamén se incrementará o seu número con novas plantacións”.

Construirase un pequeno anfiteatro e unha cancha de ‘street fútbol’

A intervención, que se acometerá nunha parcela duns 3.500 metros cadrados de superficie, traducirase na instalación dun novo parque infantil especificamente deseñado para a rapazada de diferentes rangos de idade e mobilidade e dunha zona deportiva de ‘street fútbol’ de 13 x 8 metros (con piso rematado en céspede artificial), así como na xeración de espazos de socialización comunitaria mediante a creación de lugares de encontro e realización de actividades lúdicas: instalaranse áreas de estancia mediante a construción dun pequeno anfiteatro. Asemade, crearanse varios camiños e praciñas intermedias que conectarán os diversos espazos do parque, tendo a zona de xogos infantís e o anfiteatro como principais referencias visuais.

Segundo subliña Iván Puentes, “a axeitada recollida e condución das augas pluviais, así como o correcto manexo e tratamento das augas de escorrentía, constitúen aspectos fundamentais deste proxecto, e neste sentido, optarase por derivar as pluviais cara a un xardín de auga, ao estilo dos existentes en cidades como Vitoria, que recollerá a maior parte das augas dos pavimentos duros e que permitirá conservar o ciclo natural da auga no parque”.

A zona de xogos infantís ocupará unha área de 425 metros cadrados pechada en todo o seu perímetro, dotada de pavimento amortecedor e coa instalación dos seguintes elementos: columpios, balancíns de tipo resorte con capacidade para varios usuarios, un xogo de rotación, dous pórticos de columpios e dúas torres de xogo (tanto para maiores como para cativos). A distribución concreta por áreas será a seguinte (de obrigado cumprimento para a empresa que resulte adxudicataria):

  • Zona dedicada a maiores de 6 anos, na que se instalará un conxunto de columpios formado por un de tipo cesta múltiple e dous de tipo individual, así como un xogo de tipo torre que dispoña de, polo menos, dúas pistas de tobogán con alturas de desembarque entre 2 e 6 metros.
  • Zona destinada a menores de 6 anos, na que se instalarán dous columpios individuais, dous balancíns, un xogo xiratorio e unha estrutura tipo torre que dispoña de, polo menos, unha pista de tobogán, rede de escalada, plataforma e escada.

Será obrigatorio que alomenos un elemento de xogo conte con criterios de accesibilidade universal, debendo ser este dinámico ou que xere movemento ao introducirse no seu interior.

Instalaranse unha tirolina e un circuíto de ‘streetworkout’

En base ao prego de condicións técnicas do proxecto, o acabado do piso do parque será realizado en céspede artificial e, no exterior da zona de xogos infantís, preto da pista de ‘street fútbol’, instalarase tamén unha tirolina. “Dada a crecente demanda deste tipo de instalacións deportivas -sinala Iván Puentes-, crearemos un circuíto de ‘streetworkout’, tipo calistenia, composto por ata dez estacións de adestramento, na zona leste do parque”.

Consciente da crecente demanda de infraestruturas que dean cobertura ao paseo de mascotas (o Concello acaba de inaugurar unha zona para cans en Monte Porreiro), habilitarase un parque canino duns 240 metros cadrados no sueste deste espazo verde, delimitándoa mediante un peche de malla de simple torsión, e que contará con elementos de adestramento para agility de tipo salto. O portavoz municipal do PSOE asegura que o proxecto “tamén suporá unha tremenda mellora no que atinxe ás condicións de acollemento do parque de Pasarón, con melloras ostensibles no mobiliario urbano: colocaranse dez bancos e tres mesas de tipo picnic, así como un banco voadizo duns 18 metros de lonxitude no muro do parque infantil, e dotarase o espazo con tres papeleiras, tres fontes e seis aparcabicicletas.

Unha escultura dedicada a algunha personaxe histórica do Pontevedra CF, entre as melloras

O anexo de melloras do proxecto de remodelación integral do parque da rúa Luís Otero propón ademais a instalación dunha papeleira, unha fonte e un banco, coa finalidade de mellorar aínda máis a capacidade de acollida deste espazo, así como a dotación de tres farolas e dunha columna duns 8 metros para unha óptima iluminación do parque, e o subministro e instalación dun punto de recarga nas súas inmediacións.

“Entre as melloras desta intervención, que ten un prazo de execución de seis meses desde o inicio das obras, tamén se contempla a creación dunha pequena escultura en material metálico, pedra ou sintético, relativa a algunha figura ou personalidade destacada na historia do Pontevedra CF”, sinala Iván Puentes.

O portavoz municipal do PSOE destaca o feito de que este proxecto sexa “o resultado dun procedemento de participación cidadá no que se recibiron máis dun centenar de peticións e suxestións, e que permitiu deseñar a reforma ‘á carta’, incluíndo nel moitos dos desexos expresados pola veciñanza”. “Algunha destas propostas -matiza Puentes- estivo tan traballada que case semellaba un anteproxecto ou documento técnico, acompañado con fotografías e exemplos moi concretos.

Entre os desexos e proposicións que os cidadáns lle trasladaron ao Concello de Pontevedra recollíanse precisamente o mantemento do carácter verde do espazo (herba e árbores, evitando o cemento); renovar por completo e duplicar a superficie dedicada a parque infantil; incluír equipamento multideporte; deseñar un espazo interxeracional, con zonas para o uso e desfrute de persoas de tódalas idades, que funcione como núcleo de centralidade do barrio, e vencellar a reforma dende un punto de vista estético e temático á historia do estadio de fútbol de Pasarón e do Pontevedra CF.

Na lista de demandas, comentarios e ideas tamén se contemplaban a mellora do alumeado; a creación de fontes diferenciadas para persoas e cans; o control de cans ceibos e das súas deposicións; a ampliación do número de bancos; a instalación dunha tirolina; a integración dun circuíto de calistenia; a substitución do estanque por un xardín de auga; a colocación de mesas de pedra para picnic; a plantación de árbores de sombra, ou o incremento de papeleiras.