A Concellería de Educación pon esta tarde en marcha os Obradoiros de Ciencia en Familia do programa Pontenciencia

19
  • A X Feira da Miniciencia de Pontevedra, onde se exhibirán os proxectos de investigación presentados polo alumnado e mailas familias participantes, celebrarase durante os días 5 e 6 de maio e contará con 10 centros de Educación Primaria, 9 institutos de Secundaria e unha decena de familias
  • Os talleres do programa, subvencionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, desenvolveranse ata o 1 de marzo na Casa das Campás, a Casa Azul e o Espazo Arroelo

A Concellería de Educación porá esta tarde en marcha, a partir das 17:30 horas, os Obradoiros de Ciencia en Familia do programa Pontenciencia 2023, desenvolvidos como antesala da X Feira da Miniciencia de Pontevedra que se celebrará a principios de maio (venres 5 e sábado 6 de maio), na que se exhibirán os proxectos de escolares de Primaria e Secundaria, así como das familias participantes. A través dos obradoiros de Método Científico e de Ciencia en Familia preténdese ensinar a pensar e fomentar mentes exploradoras, curiosas e comunicativas, contribuíndo a incrementar a cultura científica e a xerar as bases para un futuro liderado científico e tecnolóxico nos participantes directos (alumnado, profesorado, familiares…) e, de xeito xeral, no público asistente ou virtual.

Os destinatarios reciben ademais toda a información a través das ferramentas de comunicación propias do proxecto (páxina web, vídeos, redes sociais e charlas, entre outras) e mediante os medios de comunicación que lles rodean. A X Feira da Miniciencia de Pontevedra será a culminación de meses de traballo dos escolares e das súas familias neste Pontenciencia, que para 2023 ten unha axuda concedida ao abeiro da convocatoria de subvencións para o Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación. Conta tamén con financiación da Deputación de Pontevedra.

O programa logrou involucrar na pasada edición a 10 centros educativos de Primaria, 12 familias e 9 institutos de Secundaria e centros de Formación Profesional, cun total de 878 alumnos/as participantes coas súas investigacións, e arredor de 2.000 persoas participantes nas actividades. Segundo avanza o concelleiro de Educación, Tino Fernández, “na X edición que se levará a cabo os días 5 e 6 de maio contaremos con 10 centros de Educación Primaria, 9 institutos de Educación Secundaria e arredor de 10 familias”.

“Pontenciencia -lembra Fernández- é un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador e que pon ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxectan unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, tendo como colofón a celebración dunha feira de ciencias”.

Os Obradoiros de Ciencia en Familia celebraranse durante as vindeiras semanas na Casa das Campás, a Casa Azul e o Espazo Arroelo, estando previstos os próximos para o venres 3 de febreiro ás 17:30 horas, o sábado 4 febreiro ás 10:30 e ás 12:00 horas, o xoves 9 de febreiro ás 17:30 horas, o sábado 11 de febreiro ás 10:30 e ás 12:00 horas e o mércores 1 de marzo ás 17:30 horas.

Comités científicos

O alumnado de Primaria pode participar no proxecto nas modalidades de Ciencia no Cole e Ciencia en Familia, mentres que o de Educación Secundaria, Formación Profesional e Bacharelato farao nos Premios de Investigación. En paralelo aos obradoiros, constitúense os Comités Científicos, formados por mestres/as e investigadores das facultades do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, a Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e o Instituto Español de Oceanografía de Vigo, que achegan propostas de investigación fundamentadas e documentadas aos participantes.

Tal e como sinala Tino Fernández, “unha vez recibida toda a información e a formación en método de investigación, os escolares reciben as temáticas de investigación propostas polos Comités Científicos, así como as bases de participación”. “Cada participante -indica- desenvolverá nas aulas e nos seus propios fogares coa familia o seu proxecto de investigación, co apoio e a supervisión necesarias. Os proxectos serán exhibidos na Feira da Miniciencia e o concurso Pontenciencia, cuxo obxectivo é poñelos en valor e darlles visibilidade. As investigacións exporanse en stands individuais. Entre as características que se valorarán inclúense a orixinalidade do proxecto, a metodoloxía aplicada ou a presentación de resultados”.

O programa de Pontenciencia inclúe a presentación ao xurado dos traballos realizados e tamén aos participantes e público asistente, coa finalidade de fomentar o intercambio de coñecementos. Ademais, paralelamente, haberá un programa de máis de 15 actividades de divulgación científica e de promoción da investigación.

Durante as vindeiras semanas será a quenda dos obradoiros de Ciencia en Familia e as familias interesadas poden anotarse en tecnica@equilaterodsc.com.