As baixas temperaturas e a ocupación total das prazas do albergue de Cáritas obrigan á Concellería de Benestar Social a activar o seu Protocolo de Frío

15
  • Segundo explica o socialista Marcos Rey, “ata o momento só foi necesario derivar a unha pensión a unha parella e a un señor maior, pero o protocolo continuará activado mentres se manteñan as actuais condicións”

As condicións meteorolóxicas que estamos a vivir, cunha forte baixada das temperaturas, xunto coa total ocupación do albergue de Monte Porreiro, obrigaron á Concellería de Benestar Social a activar o Protocolo Municipal de Emerxencia por Frío, desenvolvido en colaboración coa Policía Local, Cáritas, Cruz Vermella e unha pensión da cidade. O edil responsable da área, o socialista Marcos Rey, explica que “ata o momento só foi necesario derivar a unha pensión a unha parella e a un señor maior, pero o protocolo continuará activado ata novo aviso, mentres se manteñan as actuais condicións”.

Tal e como subliña Rey, “a alerta interna para a activación deste Protocolo de Emerxencia debe enviarse ante a previsión dun adverso meteorolóxico de frío ou choiva do que teña coñecemento o Concello ou as asociacións, e sempre que o albergue non teña camas baleiras, como acontece nestes momentos”. “As asociacións que precisen poden remitir á Concellería de Benestar Social unha petición do material que consideren necesario, como mantas, luvas, calcetíns, roupa interior, sacos de durmir… E do que poderán aprovisionarse na Casa Azul. Ademais, reforzaremos os subministros de alimentos quentes no albergue da cidade e coa poboación que habita na rúa”, sinala o concelleiro de Benestar Social.

Segundo establece o protocolo, deberá usarse o albergue de Cáritas en Monte Porreiro (rúa Irlanda s/n bloque H baixo, teléfono 986 896 208) e, cando este estea completo, derivarase ás persoas que o desexen a unha pensión. Esta derivación pode facerse dende Cáritas (en horario de oficina ou en horario de apertura do albergue), por Cruz Vermella (ata as 18.00 horas) e por parte da Policía Local (dende as 18.00 horas e ata as 8.00 horas). Nas xornadas nas se producen adversos meteorolóxicos, a Policía Local terá especial protagonismo detectando os posibles casos, recomendando o traslado ao albergue ou, se fose necesario, a un centro sanitario.

Marcos Rey matiza que, durante o período que dure a emerxencia, “remitiráselle á Concellería de Benestar Social un balance do número de usuarios no albergue, de persoas derivadas á pensión e por canto tempo, así como as incidencias que acontezan”. “A situación das mulleres e parellas mixtas -apunta o concelleiro do PSOE- será valorada ata que o novo albergue de Cáritas sexa inaugurado”.