Yoya Blanco inaugura a III Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’

1163
  • A concelleira socialista visitou a carpa instalada na Praza de España acompañada polo edil de Benestar Social, Marcos Rey, e pola parlamentaria do PSOE Paloma Castro
  • O evento feiral, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para darlles visibilidade a pequenos produtores da industria alimentaria, reune durante toda a fin de semana a uns 40 expositores, entre os que están representados artigos delicatessen dunha amplísima selección de produtos galegos: patés de centola de Pepa A Loba; unha selecta variedade de queixos de cabra, ovella e tetilla, mesmo algún italiano e francés (así como requeixo); as galletas Burriana; a bica de castaña de Amarelante; Doziños de Padrón; Aceites Embruxo; hidromel; as famosas Xacobleas; as conservas gourmet de El Abuelo Lelo, e diversas meles da zona

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e a parlamentaria socialista Paloma Castro, inauguraron esta mañá cunha visita polos 40 expositores participantes a III edición da Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’, un evento concibido como un grande escaparate para darlles visibilidade a pequenos produtores da industria alimentaria que o ano pasado alcanzou os 35.000 visitantes. A feira, consolidada como espazo de exhibición dunha amplísima gama de alimentos de calidade saudables, innovadores e diferenciados, manterá as súas portas abertas durante toda esta fin de semana en horario ininterrompido, de 11:00 a 21:00 horas, nunha enorme carpa de 40 metros (ademais dun expositor exterior, a Churrería de Kuki Galiano).

Entre os artigos delicatessen que se expoñen inclúense unha ampla selección de produtos galegos como os patés de centola de Pepa A Loba; unha selecta variedade de queixos de cabra, ovella e tetilla, mesmo algún italiano e francés (así como requeixo); as galletas Burriana; a bica de castaña de Amarelante; Doziños de Padrón; Aceites Embruxo; hidromel; as famosas Xacobleas; as conservas gourmet de El Abuelo Lelo, e diversas meles da zona. Aínda que a meirande parte dos produtores son da nosa xeografía, tampouco falta a oferta máis sibarita procedente doutros puntos de España, como unha das mellores cecinas de León ou as célebres anchoas de Santoña.

Una ano máis, a feira conta con pequenos produtores que non teñen capacidade para chegar a grandes superficies e que supoñen un piar imprescindible na economía galega, o que a converte nunha atractiva exposición que dá a coñecer ao consumidor final unha ampla gama de produtos de proximidade de máxima calidade, non procesados, vitais e insubstituíbles, polo papel que desempeñan na saúde e o benestar do consumidor, no medio ambiente e no desenvolvemento da economía local. Os amantes dos manxares gourmet e delicatessen teñen en ‘O Mellor da Terra’ unha cita ineludible na que achegarse a produtos e produtores que resultan difíciles de atopar no circuíto habitual, moitos deles descoñecidos para o público xeral.