Iván Puentes denuncia unha vaga de actos vandálicos contra a exposición itinerante da estratexia Pontevedra Flúe

38
  • Varias das columnas de cubos que conforman a mostra instalada na Ponte do Burgo amañeceron hoxe golpeadas e derrubadas, tan só unha semana despois de que unha das pezas fose lanzada ao río Lérez xunto co seu peso interno de fixación
  • O portavoz municipal do PSOE asegura que estes actos vandálicos contra o patrimonio municipal xa foron postos en coñecemento da Policía Local “para que se poida identificar aos autores, esixirlles a responsabilidade penal pertinente e reclamarlles os custes dos danos causados”

Varias das columnas de cubos que conforman a exposición itinerante sobre a estratexia de renaturalización de espazos naturais e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, instalada na Ponte do Burgo, amañeceron hoxe golpeadas e derrubadas. Os feitos vandálicos prodúcense tan só unha semana despois de que, na noite do pasado sábado 28 de xaneiro, a mostra da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural sufrira outra agresión, que rematou cun dos cubos (xunto co seu peso interior de fixación) en augas do río Lérez, obrigando á Policía Local e aos Bombeiros a desenvolver un operativo para poder ‘rescatalo’.

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, asegura que ámbolos feitos incívicos, “que semellan ter mesmo un carácter orquestrado, ao producirse en datas moi próximas e contra un obxectivo moi concreto”, xa foron postos en coñecemento da Policía Local de Pontevedra “para que os investigue como actos vandálicos contra o patrimonio municipal, poida identificar aos autores para esixirlles a responsabilidade penal pertinente e reclamarlles o custe dos danos causados”. “Ademais, parece que os descerebrados que lanzaron o cubo ao río non quedaron contentos con iso e decidiron que era tamén unha boa idea queimar varios contedores no barrio do Burgo, algo que é un delito”, afirma o concelleiro socialista.

Iván Puentes lamenta que “tan só unhas semanas despois de que os vándalos se cebasen con inquina e raiba contra o decorado de Nadal instalado no Mercado de Abastos” pola súa compañeira Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, “agora puxeran precisamente no punto de mira dos seus incívicos actos de odio a mostra de Pontevedra Flúe”. A exposición, que ocupa a súa actual localización desde o pasado mes de outubro, está composta por 82 paneis dispostos en 20 cubos de 1x1x1 m nos que se exhiben 75 fotografías actuais, 34 históricas, 28 renders, 12 planos explicativos e 2 montaxes fotográficas, nas que se resumen unha vintena de actuacións que suman máis de 20 millóns de euros para acadar a transformación dos nosos ríos e espazos naturais e que conforman o principal posicionamento de Pontevedra para captar os fondos europeos que durante os vindeiros anos se investirán en España.

O portavoz do PSOE avanza a súa intención de que a mostra “se traslade pronto ao centro da cidade, en concreto ao Paseo de Antonio Odriozola (Praza da Ferrería), de xeito que os seus proxectos continúen a darse a coñecer entre toda a cidadanía de Pontevedra”. “Agardamos que no novo emprazamento -sinala Puentes- poida estar un pouco máis vixiada e protexida contra actos tan absurdos e repugnantes como este”.

Entre as imaxes desta exposición inclúese unha montaxe fotográfica que ilustra (para que sexamos totalmente conscientes da situación) ese risco real de inundación que, no caso de non facer nada ao respecto, ten Pontevedra segundo os datos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente, non dentro de 100 anos, senón dentro de 20 ou 25 anos. Non obstante, neste contorno do río Lérez pódense producir desbordamentos que aneguen practicamente toda a zona baixa da cidade e teñamos o río tocando aos pés do estadio de Pasarón, con toda A Xunqueira inundada.