Iván Puentes asegura que “a antiga ponte do ferrocarril quedará convertida esta primavera nun fermoso balcón sobre o Lérez”

61
  • As obras de rehabilitación e acondicionamento que permitirán converter a ponte nunha estrutura de tránsito peonil e ciclista e integrala na futura vía verde entre Vilagarcía e Pontevedra comezan a coller forma e a empresa Elsamex, que executa os traballos cun orzamento de 185.130 euros, agarda que a senda desde a praia fluvial quede xa rematada nos vindeiros días

O tempo soleado desta última semana permitiu que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural lle dese un importante impulso ao proxecto de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Lérez, que permitirá convertela nunha estrutura de tránsito peonil e ciclista e integrala na futura vía verde entre Vilagarcía e Pontevedra. A empresa adxudicataria, Elsamex, que executa os traballos cun orzamento de 185.130 euros, xa ten moi avanzadas as obras do sendeiro accesible entre a praia fluvial e as vellas vías, coa previsión de finalizalas nos vindeiros días e de comezar, a continuación, a construción do muro de mampostería dotado de varanda que fará máis seguro todo este traxecto.

As actuacións, que se centran agora mesmo na retirada de tocóns e de rochas de grandes dimensións cunha máquina retroescavadora, foron visitadas esta mañá polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, quen amosou a súa satisfacción pola “boa marcha dun proxecto que xa toma forma” e que fará posible que “a antiga ponte do ferrocarril quede convertida esta mesma primavera nun fermoso balcón sobre o río Lérez”. “A creación deste miradoiro, cuxas vistas son absolutamente privilexiadas e espectaculares, é tan só un primeiro paso desde ambicioso plan que deseñamos para conectar Pontevedra con Barro e a comarca do Salnés a través dunha gran vía verde, que nun futuro tamén se podería unir con Arcade, Soutomaior, Redondela e Vigo. A prolongación da Vía Verde do Salnés conta ademais con financiamento europeo, a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino”, subliñou Puentes.

O proxecto, cofinanciado nun 80% pola UE con fondos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi), traducirase nun tratamento de formigón sobre a ponte do ferrocarril, que substituiría á pedra que a vía ten neste momento; na substitución da varanda actual para facer unha máis segura, e nunha dobre conexión da ribeira esquerda do río Lérez co contorno da praia fluvial: unha cun itinerario accesible a través dunha senda en zigzag cun pavimento de formigón máis brando (semellante ao que hai nas sendas fluviais), muros de mampostería e pedra para salvar os desniveis, conter as terras e pechar esa senda, e unha escaleira de madeira que subiría directamente desde a zona na que se atopan a cafetería e os baños da praia fluvial ata a cota da antiga vía ferroviaria nese mesmo punto.

Ademais, Elsamex realizará un axardinamento e tratamento con especies arbustivas de todo o noiro existente entre a cota da vía e a da avenida de Bos Aires, a iluminación de todo o contorno e un tapiado provisional da boca do túnel que dá cara á parte de Lérez para gañar en seguridade e a nivel paisaxístico. A actuación permitirá abrir ao público este viaduto por primeira vez desde que quedara en desuso por mor da inauguración a nova liña do ferrocarril (non é posible acceder á mesma desde 2014).

Iván Puentes agarda que, nun futuro, o sendeiro que percorrerá o miradoiro sobre o río teña saída na beira da parroquia de Lérez, coa que se conectará a ponte co camiño que baixa pola marxe dereita do río, cun novo paso peonil e ciclista entre Lérez e Monte Porreiro.

Un primeiro paso dun proxecto que se completará co Plan de Sostibilidade Turística e o BIC das Aceñas do Lérez

As obras de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril terán continuidade e completaranse con outras actuacións que se acometerán mediante a subvención de 2 millóns de euros concedida ao Concello para o desenvolvemento do seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (dos que unha parte destinaranse a este proxecto de mellora da conexión da antiga ponte sobre o Lérez). En concreto, outra parte desta axuda orientarase á construción dunha senda que lle dea saída á ponte cara á senda que discorre pola marxe dereita do río desde augas arriba, funcionando así como zona de paso entre as dúas ribeiras e como conexión de ámbalas sendas fluviais, e doutra senda que, no caso de non ser viable a solución técnica do túnel, ascendería ladeira arriba cara ao mosteiro de Lérez, e que, pola zona do centro de saúde, baixaría cara Médico Ballina, o contorno da Xunqueira e o Camiño de Santiago, dándolle así continuidade á vía verde.

Con outro millón de euros de fondos europeos concedido para investir en Bens de Interese Local (BIC) e que vén a través da Xunta, poderase realizar a mellora dos salóns do Lérez, na zona das Aceñas, xa na parte máis próxima á ponte nova do ferrocarril.

Deste xeito, o proxecto supón un primeiro paso para algo moito máis ambicioso para o que o Concello xa ten concedidos fondos e que lle dará o sentido definitivo a esta obra que se acometerá cos fondos Edusi.

A conexión ata a Estación de Trens estaría incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Destino, discorrendo por terreos de propiedade municipal e atravesando a avenida de Bos Aires e as zonas de Tafisa e Valdecorvos (o único ‘tapón’ sería a zona verde entre as vías ferroviarias e os edificios de Ernesto Caballero, pero hai xa unha sentencia xudicial que obriga ao Concello a expropialos e a incorporalos ao patrimonio municipal).