Desenvolvemento Sostible pon en marcha o proxecto de renovación paisaxística da Praza da Ferrería cun investimento de máis de 35.000 euros

8
  • A actuación impulsada polo socialista Iván Puentes dotará as catro zonas verdes dos Xardíns de Casto Sampedro dunhas composicións elevadas con forma ovalada que mesturarán plantas vivaces, perennes e de tempada, estudadas para ter floración durante tódalas estacións do ano
  • Os traballos tamén incluirán a renovación integral dos xardíns da Praza da Estrela para potenciar a súa elegancia e a sensación de serenidade deste espazo cunha floración completamente branca

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha as obras de renovación paisaxística de tódolos espazos axardinados da Praza da Ferrería, adxudicadas á empresa Troquiña SL cun orzamento que supera os 35.000 euros. O proxecto traducirase na creación de ‘macizos’ centrais elevados con forma ovalada en cada unha das catro zonas verdes que rodean a fonte dos Xardíns de Casto Sampedro (San Francisco), cunha composición con variación cromática que mesturará plantas vivaces, perennes e de tempada, estudada para ter floración durante tódalas estacións do ano.

Segundo explica Iván Puentes, que esta mañá se achegou ata A Ferrería para supervisar o inicio dos traballos, “a parte máis elevada destes ‘macizos’ estará presidida por especies chamativas, como uns formium de cor vermella, que teñen follas semellantes ás das palmeiras e que xa empregamos por exemplo nas medianeiras da avenida de Bos Aires, por diante do Mercado de Abastos, ou unhas guneras, que son esas plantas de grandes follas asociadas habitualmente ás zonas húmidas e aos xardíns dos estanques, pero que tamén son moi acaídas para espazos destas características”. “Estas pezas centrais -sinala o portavoz municipal do PSOE- irán rodeadas de planta vivaz e tamén procederemos a retirar os rosais máis vellos e deteriorados, tentando aproveitar os que aínda se atopan en bo estado de conservación”.

As plantas serán ordenadas en función do seu porte, distribuíndose en rode crecente cara á parte alta de cada ‘macizo’, situándose as especies de forma e cor singulares como as guneras e os phormium no alto, e rodeándoas, as plantas arbustivas, bulbos e flor de tempada, así como diversos tipos de especies vivaces. A plantación respectará a presenza e vista dos valiosos exemplares de camelia existentes nestes xardíns.

Asemade, o proxecto contempla a renovación integral dos xardíns da Praza da Estrela cuns criterios semellantes, coa substitución da totalidade da superficie de céspede por diversa planta de flor perenne acompañada de planta de tempada, que se irá mudando estacionalmente, pero cunha particularidade: “Aquí buscaremos unha floración que sexa predominantemente en tons brancos e suaves, acordes cun dos mellores espazos monumentais de estancia e descanso da cidade”, asegura Puentes. Tal e como apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “neste caso trataremos de formular un xardín cunha presenza moi elegante, nun contorno tan monumental como esta praza, onde se sitúan inmobles tan emblemáticos da nosa cidade como a Casa das Caras, o Carabela e o edificio de San Francisco”.

“Os tons brancos servirán para potenciar a sensación de serenidade, ideal para unha zona de estancia, lecer e repouso como esta, presidida por veladores e situada nunha cota inferior ao Paseo de Antonio Odriozola”, matiza Iván Puentes. 

O novo deseño e o cambio no sistema de rega permitirán un aforro de auga de entre un 50 e un 80% en relación aos actuais

O portavoz municipal do PSOE apunta que, ademais de mellorar o deseño paisaxístico e a calidade das zonas verdes dun dos contornos máis nobres da cidade, “o proxecto tamén implica a transformación cara a unha xardinería máis sostible, resiliente e adaptada ás condicións do cambio climático, introducindo criterios de eficiencia e aforro no consumo da auga”. “De feito -apunta Puentes-, o novo deseño supón a redución das zonas de céspede e a súa substitución por ‘macizos’ de plantas perennes vivaces de flor, o que permite unha moita maior eficiencia no aproveitamento da auga de rega. O cambio no sistema de rega de difusión a goteo traducirase nunha diminución de entre o 50 ata o 80% no volume de auga empregado”.

Para Iván Puentes, esta intervención, que serán acometidas nun prazo estimado de tres semanas, supón “un novo paso adiante na posta en valor dos xardíns da cidade e na mellora da súa sostibilidade, seguindo os criterios marcados pola estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe ou do novo contrato de Parques e Xardíns, o maior da historia deste Concello, que acabamos de poñer en marcha”.