O Concello aproba a modificación puntual do Plan Xeral para iniciar o proxecto urbanístico derivado do convenio co Invied 

32
O convenio urbanístico permitirá liberar novas zonas verdes en Campolongo, completar a rúa Tablada ou conectar Rosalía de Castro con Manuel do Palacio, contemplando a construción, ademais, de 220 novas vivendas 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá de luns da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Dentro dos asuntos tratados na mesma, figurou un tema urbanístico, que vén dado pola aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Planificación Urbanística para certos terreos entre Campolongo e Rosalía de Castro. 

«Estoume referindo ao convenio con Defensa, co Invied, convenio que xa é ben coñecido», contextualizou Gulías. «Este convenio tivo xa unha tramitación complexa, pois falamos de gañar novos espazos públicos para o Concello de Pontevedra en sitios estratéxicos, un total de 10.000 metros cadrados gañados para as persoas, e case 4.000 metros cadrados en Rosalía de Castro».

Doutra banda, a portavoz lembrou que o convenio tamén establecía que o Concello gañaría un novo local de 367 metros cadrados, ao tempo que permitirá adecentar a fachada da rúa Rosalía de Castro, creando unha praza entre esta rúa e Manuel del Palacio. «É posíbel que no propio convenio Invied se constrúan 220 vivendas».

Así, trala aprobación en Xunta de Goberno Local deste convenio, deberá ir a pleno para a súa aprobación definitiva, restando a chegada do proxecto de urbanización, «que sería o derradeiro trámite para poder sacar adiante este novo proxecto».

Un chanzo máis na nova licitación do proxecto para o campo de fútbol de Salcedo

Se na pasada Xunta de Goberno Local veu a resolución contractual do proxecto para o campo de fútbol de Salcedo, na celebrada hoxe foi tratada a definitiva, polo que ao longo desta mañá o Concello de Pontevedra iniciará a resolución para iniciar o proxecto de contratación coa preparación dos pregos para saír logo a licitacíón nas vindeiras semanas.

«O Obxectivo, como xa temos reiterado, é termos este equipamento en funcionamento o antes posíbel», indicou Gulías.