Parques e Xardíns executa as obras de acondicionamento do pavimento da Alameda de cara ao traslado da feira ambulante
18
Os traballos da Concellería de Desenvolvemento Sostible céntranse no recheo de fochas da zona de acceso ao parque máis próxima a El Cafetín, a entrada a nivel na que se producen máis empozamentos e lameiros durante os días de choiva
O Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a executar unha serie de traballos de acondicionamento que permitirán mellorar o estado do pavimento de cara ao agardado regreso do mercadillo ambulante ao centro da cidade. As obras do departamento que dirixe o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, estanse a centrar no arranxo e recheo da zona de acceso próxima a El Cafetín e o ambulatorio Virxe Peregrina, é dicir, a entrada a nivel existente desde a rúa Alameda e empregada para o acceso de vehículos durante a celebración das festas.
Tal e como sinala Puentes, “trátase dun espazo no que se producen lameiros e empozamentos de auga durante os días de choiva, o que dificulta a utilización do chan”. Asemade, Parques e Xardíns tamén levará a cabo labores de conservación ordinaria para controlar a aparición de maleza e de herba nas zonas perimetrais e de mantemento xeral das árbores. “Mediante un recheo das fochas a base de xabre e grava, deixaremos todo impecable para que vendedores e clientes teñan o chan en condicións óptimas para desfrutar do regreso do mercadillo ambulante ao centro da cidade, nun espazo absolutamente privilexiado e infrautilizado nestes momentos”, subliña o portavoz municipal do PSOE.
Segundo apunta Iván Puentes, “a Concellería xa realiza habitualmente tarefas de mantemento da Alameda e, aproveitando que levamos máis de 15 días sen choiva e o chan está seco e podemos actuar nel, procedía facer este rebacheo e acondicionamento das zonas que quedaran máis deterioradas polas choivas precisamente para que isto non volva acontecer cando regresen as precipitacións”, o que permitirá que os veciños e veciñas que veñan mercar ao mercadillo “o poidan facer nas mellores condicións tanto se está un día de choiva como un día soleado”.
“A decisión política de trasladar o mercadillo ambulante segue adiante”
Neste sentido, a promotora do traslado, a súa compañeira Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, incidiu en que “toda vez que o informe da Policía Local non establece ningún impedimento para a nova ubicación da feira e nin sequera será preciso un plan de tráfico específico e contamos cos aparcadoiros disuasorios das Corbaceiras e Mollavao, así como co propio estacionamento da Alameda, exactamente igual que nas Festas da Peregrina, a Feira Franca ou outros eventos organizados (por certo, bastante máis concorridos que a feira), a decisión política de trasladar o mercadillo ambulante segue adiante”. “Nós seguimos a traballar. A literatura e as interpretacións deixámosllas aos demais. Hai que ver unha serie de cousas e agardamos que en breve, tralo Entroido, que xera moita afluencia de tráfico no centro da cidade, se poida producir ese traslado definitivo. Volvo remarcar que traer o mercadillo de Rafael Areses á Alameda faise polo ben dos ambulantes, xa que eles mesmos nos pediron este traslado, polo ben da cidadanía e para crear sinerxías co comercio local e a hostalería do centro da cidade, que están tan necesitados disto. Despois do 14 de febreiro e do Entroido, que será unha boa etapa para o comercio, chegará outra etapa moi boa co traslado da feira á Alameda”, subliñou a socialista.
Blanco lembra que a nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante do concello de Pontevedra, que irá ao vindeiro Pleno da Corporación municipal para a súa aprobación, “permite a creación e ubicación de mercadillos en máis lugares que Rafael Areses e Estribela, deixando polo tanto vía libre para que se poida ubicar na Alameda ou en calquera outro espazo que resulte axeitado”. “Pero mesmo coa actual Ordenanza -matiza a concelleira-, tal e como nos traslada o propio Servizo de Promoción Económica, bastaría cun pequeno cambio de emprazamento aprobado en Xunta de Goberno para que se poida mover á Alameda. É dicir, repito: non existe ningún impedimento para que se traslade o mercadillo ambulante á Alameda. A decisión de trasladar a feira é unha decisión política inalterable desta concelleira, estudada desde o inicio do mandato e que cobra máis forza coa posta en marcha das obras en Rafael Areses”.