Seis novas cámaras controlarán os movementos peonís da cidade e axudarán co estudo da mobilidade en Pontevedra 

25
Os novos elementos, que xa se están instalando, non gravarán imaxes nin afectarán a intimidade das persoas, só terán unha función de conteo
As cámaras estarán situadas nas pontes do Burgo e Santiago, nas rúas Benito Corbal, García Camba, Rosalía de Castro e na Praza do Concello 

O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos celebrada a primeira hora da mesma. Dentro dos asuntos informados e tratados durante a mesma, destacou o seguimento da obra de Barcelos, que continúa «a ritmo áxil e que xa comezou a súa segunda fase, tendo na primeira fase un avance maior do que estaba previsto».

Alén deste punto, Gómez presentou a instalación de seis cámaras na cidade, froito dunha mellora derivada do contrato da plataforma de xestión do Coche de Punto, que terán como fin o conteo da mobilidade peonil en diversos puntos da mesma.

«Chámanse cámaras, pero hai que deixar claro que non gravan en ningún momento. Teñen aspecto de cámaras, e fanse notar como tal, pero na práctica a súa función non é gravar imaxe, senón que contan persoas, tanto en movemento como paradas», indicou o edil. «Van ser colocadas seis, que xa están sendo instaladas, e logo serán engadidas dúas máis».

As que iniciaron a súa instalación esta mañá quedarán situadas na cabeceira sur da ponte do Burgo, na cabeceira sur da ponte de Santiago; e nas rúas Benito Corbal, García Camba, Rosalía de Castro e  na Praza do Concello. Todas elas teñen dúas funcións diferentes: as que están nas cabeceiras das pontes tentarán achegar datos obxectivos sobre os desprazamentos das persoas para ir aos aparcadoiros ou saír cidade cara ao Campus, O Burgo ou Lérez. As outras catro teñen máis que ver co funcionamento interno da cidade e os seus movementos.

As dúas cámaras restantes que restan por instalar, e que estarán en dous aparcadoiros de bordo (fronte ao Pavillón Municipal e na rúa Virxinia Pereira) servirán para o control do foro deses aparcadoiros e utilizar esa información en tempo real destes equipamentos en combinación coas pantallas que ten agora a Boa Vila.

Os datos que ofrezan estas cámaras serán utilizados para continuar entendo mellor a mobilidade dentro da cidade e os desprazamentos que realizan as persoas. «Hai xa moitos anos que os estudos de mobilidade non poden xirar só ao redor dos estudos de tráfico, senón que hai que ver a mobilidade xeral», indicou Gómez. «Con estas cámaras obteremos uns datos que nos permitirán avanzar neste eido da mobilidade».