As Anpa xa poden solicitar dende hoxe e ata o 10 de marzo as subvencións municipais para os seus proxectos educativos no curso escolar 2022/23

37
  •  A Concellería de Educación destina un orzamento de 24.670€ ao financiamento destas axudas, destinadas a fomentar actividades no eido da educación

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Bop) vén de publicar as bases para a convocatoria de subvencións ás Anpa (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) de centros educativos de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo  ciclo de Educación Infantil e/ou ensinanzas obrigatorias que desenvolvan accións no eido da educación durante o curso escolar 2022/23. Poderán ser obxecto de axuda os programas e as actividades educativas que estean dirixidas á realización de actuacións puntuais ou de carácter anual, no eido educativo, en todalas súas vertentes (entendendo este dende o 1 de setembro de 2022 ata o 31 de agosto de 2023). Para a concesión das subvencións que se convocan destínase un crédito global de 24.670 €.

A contía da subvención estará en función do custo dos programas/actividades, sendo o mínimo establecido a conceder de 500 € ou a parte proporcional en función do custo total da actividade. En ningún caso o importe da axuda poderá ser de tal contía que supere o custo total da actividade a desenvolver polo/a beneficiario/a. A porcentaxe subvencionable polo Concello non poderá exceder do 50% do custo da actividade á que se aplique. Establécese a posibilidade de que a entidade beneficiaria solicite un pagamento anticipado do 30% (o 70% restante librarase logo da xustificación pola Anpa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se conceden as subvencións e demais condicións esixidas). Deberá xustificarse polo menos o 70 % do importe total do orzamento proxectado.

Os criterios de valoración e a súa ponderación para o outorgamento de subvención e fixación da súa contía establecen tres grupos, aplicándolles a cada un deles unha porcentaxe sobre a contía solicitada e un máximo a conceder. Deste xeito, tendo en conta ao alumnado participante nas actividades, a porcentaxe de participación e a repercusión e contidos do proxecto, puntuados cun máximo de 10 puntos, determínanse os seguintes grupos: ás puntuacións de entre 10 e 20, cunha porcentaxe do proxecto presentado do 30%, concederáselle unha contía máxima de 800 €; doutro costado, ás puntuacións de entre 20 e 25, cunha porcentaxe do 40% , adxudicaráselle un máximo de 1.500 €. Por último, para as puntuacións de entre 25 e 30, cunha porcentaxe do 50%, a contía máxima outorgada será de 2.000 €.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado dende hoxe (ata o 10 de marzo). Quedan excluídas desta convocatoria todas aquelas entidades que non se atopen ao corrente das súas obrigas fiscais co Concello de Pontevedra, facendas públicas (estatal e autonómica) e coa Seguridade Social.

As bases completas da convocatoria poden descargarse a través do seguinte enlace:

https://sede.pontevedra.gal/public/publications/list/ECO-SUBV/SUBV2023/details/199127342

É posible descargar os anexos na sede electrónica do Concello, onde  tamén se realiza a presentación da solicitude: https://sede.pontevedra.gal/public/catalog-detail/202