O concelleiro Marcos Rey pon en marcha os traballos de reposición da tarima do chan radiante da Galiña Azul da Parda

51
  • O edil de Benestar Social anuncia a inminente realización dunhas catas técnicas que permitirán coñecer o alcance das posibles humidades acumuladas no solo e constata que tanto a caldeira da calefacción como o sistema de auga quente xa funcionan correctamente: “Demos resposta a tódalas intervencións urxentes que nos solicitou a comunidade educativa en menos de 15 días”
  • O socialista lamenta que a Xunta “quede de brazos cruzados sen facer absolutamente nada, cando resultan abrumadoramente evidentes os problemas estruturais dun edificio inaugurado en 2011, que sufriu graves filtracións no tellado, no que se levantou unha tarima de alta calidade e en cuxo interior se alcanzaron temperaturas de 13 grados”
  • “Se isto acontecese na vivenda privada dalgún dos responsables do Consorcio, non habería dúbidas de que existen problemas estruturais. Unha vez máis, evaden as súas responsabilidades e limítanse a sinalar as deficiencias que xa todos coñecemos. Coido que deberían pasar un pouco máis polo centro”, asegura Rey

A Concellería de Benestar Social acaba de poñer en marcha os traballos de reposición da tarima do chan radiante da Galiña Azul da Parda, afectada polas humidades e mesmo levantadas (formando ocos) en diversas zonas do pasillo e a aula de bebés. O responsable do departamento municipal, o socialista Marcos Rey, tamén anunciou que “nos vindeiros días levaranse a cabo unhas catas técnicas para determinar se existen posibles humidades de maior calado e profundidade, procedentes do chan, e coñecer o seu alcance”. Estas catas realizaranse pola parte externa do edificio para interferir o menos posible na actividade educativa e para evitar perforacións que poidan afectar a algunha tubaría do solo radiante.

Segundo explicou Rey, “en base ás primeiras impresións da empresa que executa os traballos de substitución da tarima, o mal estado do chan débese substancialmente ás filtracións acumuladas no pasado, cando se tivo que realizar unha intervención no tellado do centro para acabar coas goteiras, xa que a tarima colocada é de moi alta calidade”. O concelleiro de Benestar Social volveu verificar persoalmente onte pola tarde o correcto funcionamento da caldeira que nutre o sistema de calefacción da Galiña Azul da Parda, constatando tamén “a subsanación do problema que existía nos paneis solares que permiten dispoñer de auga quente”.

“Demos resposta a tódalas intervencións urxentes que nos solicitou a comunidade educativa en menos de 15 días e unha vez que dispoñamos do proxecto para mellorar o patio exterior do centro e dotalo de zonas de sombra (o Concello dispón dunha achega económica de 60.000 euros para acometer esta actuación), quedarei coa dirección alí mesmo para explicarllo e recoller as súas impresións”, afirmou o concelleiro de Benestar Social.

“Non hai que ser un experto para saber que se nun edificio fai máis frío dentro que fóra e a choiva penetra polo tellado, o illamento non é precisamente exemplar”

Marcos Rey lamentou que a Xunta “quede de brazos cruzados sen facer absolutamente nada, cando os problemas estruturais que presenta a Galiña Azul da Parda son absolutamente evidentes: falamos dun edificio inaugurado en 2011, que xa sufriu graves filtracións a través do seu tellado, no que as humidades levantaron unha tarima de alta calidade e en cuxo interior se alcanzaron temperaturas de 13 grados”. “Non hai que ser un experto para saber que se nun edificio fai máis frío dentro que fóra cando non vai a calefacción e a choiva penetra polo tellado, o illamento non é precisamente exemplar. Se isto acontecese na vivenda privada dalgún dos responsables do Consorcio, estou convencido de que non terían dúbidas de que existen problemas estruturais”, apuntou o concelleiro socialista.

Neste sentido, Rey subliñou que “unha vez máis, a Xunta actúa de xeito incompentente, eludindo as súas competencias, e evade as súas responsabilidades, limitándose a sinalar co dedo as deficiencias que xa todos coñecemos”. “Coido que deberían pasar un pouco máis polo centro, xa que a Anpa tamén solicitou a súa colaboración. Uns nenos tan pequenos non poden estar nunhas instalacións con humidades. Todos debemos arrimar o ombro”, engadiu o edil do PSOE.