Desenvolvemento Sostible colabora co colectivo O Chedeiro na realización dun documental que homenaxeará aos veciños que construíron as traídas de agua na parroquia de Cerponzóns

30
  • Con motivo do 50 aniversario da creación destas traídas, xa polos inicios dos anos 70, a peza audiovisual recollerá as lembranzas e anécdotas do labor destes veciños que se organizaron en cuadrillas pola súa conta para buscar as captacións e despregar redes de abastecemento a aquelas casas que se sumaron ao sistema de autoxestión

Con motivo do 50 aniversario da creación de varias traídas de auga na parroquia de Cerponzóns, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, está a colaborar coa asociación veciñal O Chedeiro na realización dun documental que pretende homenaxear a todos aqueles veciños e veciñas que as construíron ao longo dos anos (algunhas delas xa polos inicios dos anos 70), converténdose nun exemplo de autoxestión. A peza audiovisual, que dirixe Fernando Portela, recollerá as lembranzas e anécdotas do labor desenvolvido por aquel entón, nun período no que comezaron a organizarse en multitude de parroquias galegas asociacións de diversa índole que promoveron un novo rexurdir do movemento veciñal.

Tal e como subliña Iván Puentes, “o traballo e a importancia que tiveron as comunidades de usuarios de augas de traída, organizándose en cuadrillas para a realización destas obras, non ten prezo”. “Cerponzóns -sinala o portavoz municipal do PSOE-, foi unha de tantas parroquias onde a veciñanza comezou a organizarse para poder mellorar a súa calidade de vida. As carencias eran moitísimas e eles, como puideron, investindo os seus poucos aforros, lograron, entre unhas cantas asociacións distribuídas por varios lugares da parroquia, levar a auga dos mananciais ás súas casas”.

Segundo sinala Puentes, “ata ese entón, a veciñanza que non podía permitirse economicamente ter un pozo na súa casa, ía buscar a diario a auga ás fontes ou a mananciais particulares”. “En Cerponzóns decidiron poñerse ao choio, organizarse pola súa conta, comezaron buscar captacións e foron levando as súas augas para depósitos desde os que despregaron redes de abastecemento para chegar a aquelas casas que se sumaron ao sistema de autoxestión. Deste xeito, puideron contar cun servizo de auga que evitou o esforzado traballo de ter que buscar, día si e día tamén, a auga á fonte”.