O proxecto de renovación paisaxística das zonas verdes da Ferrería avanza a bo ritmo, engalanando os xardíns da Praza da Estrela para San Valentín con plantas de floración branca

28
  • Os traballos executados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible, que dirixe o socialista Iván Puentes, traduciranse tamén na creación de ‘macizos’ elevados con forma ovalada en cada un dos catro espazos verdes que rodean a fonte dos Xardíns de Casto Sampedro

O proxecto de renovación paisaxística das zonas verdes da Praza da Ferrería, que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está executar cun orzamento de máis de 35.000 euros, continúan avanzando a bo ritmo. Coincidindo coa xornada de San Valentín, a empresa Troquiña SL deulle un toque romántico aos xardíns da Praza da Estrela coa dotación de diversas especies de plantas de flor perenne e de tempada, todas elas cunha floración en tons brancos e suaves, acordes cun dos máis privilexiados espazos monumentais de estancia e descanso da cidade.

O obxectivo desta intervención, que esta mañá foi supervisada polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e maila concelleira de Turismo, Yoya Blanco, é o de formular uns espazos verdes cunha presenza moi elegante, nun contorno monumental, no que se emprazan inmobles tan emblemáticos da cidade como a Casa das Caras, o Carabela e o edificio de San Francisco. “Os tons brancos das flores -sinala Iván Puentes- daranlle un toque romántico a estes xardíns e tamén servirán para potenciar a sensación de serenidade, ideal para unha zona de estancia, lecer e repouso como esta, presidida por veladores e situada nunha cota inferior ao Paseo de Antonio Odriozola”.

O proxecto tamén se traducirá na creación de ‘macizos’ centrais elevados con forma ovalada en cada unha das catro zonas verdes que rodean a fonte dos Xardíns de Casto Sampedro (San Francisco), cunha composición con variación cromática que mesturará plantas vivaces, perennes e de tempada, estudada para ter floración durante tódalas estacións do ano. A parte máis elevada destes ‘macizos’ estará presidida por especies chamativas, como uns formium de cor vermella, que teñen follas semellantes ás das palmeiras e que xa empregamos por exemplo nas medianeiras da avenida de Bos Aires, por diante do Mercado de Abastos, ou unhas guneras, que son esas plantas de grandes follas asociadas habitualmente ás zonas húmidas e aos xardíns dos estanques, pero que tamén son moi acaídas para espazos destas características.

Estas pezas centrais irán rodeadas de planta vivaz e tamén se procedeu a retirar os rosais máis vellos e deteriorados, tentando aproveitar os que aínda se atopan en bo estado de conservación. As plantas serán ordenadas en función do seu porte, distribuíndose en orde crecente cara á parte alta de cada ‘macizo’, situándose as especies de forma e cor singulares como as guneras e os phormium no alto, e rodeándoas, as plantas arbustivas, bulbos e flor de tempada, así como diversos tipos de especies vivaces. Tódalas plantacións respectarán a presenza dos valiosos exemplares de camelia existentes nestes xardíns.

Ademais de mellorar o deseño paisaxístico e a calidade das zonas verdes dun dos contornos máis nobres da cidade, o proxecto tamén implica a transformación cara a unha xardinería máis sostible, resiliente e adaptada ás condicións do cambio climático, introducindo criterios de eficiencia e aforro no consumo da auga. Así, o novo deseño suporá a redución das zonas de céspede e a súa substitución por ‘macizos’ de plantas perennes vivaces de flor, o que permite unha moita maior eficiencia no aproveitamento da auga de rega. O cambio no sistema de rega de difusión a goteo reflectirase nunha diminución de entre o 50 ata o 80% no volume de auga empregado.