O Ciclo de Cine e Saúde Mental ‘O Oficio de Vivir’ estréase mañá pola tarde coa película Amorodos Salvaxes

20
  •  filme de Ingmar Bergman, que trata os temas do paso do tempo e a condición vital da beleza, proxectarase a partir das 19:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra
  • A Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, recupera esta iniciativa tres anos despois da súa primeira edición

A produción sueca Amorodos Salvaxes será a encargada de inaugurar mañá pola tarde no Teatro Principal a II edición de O Oficio de Vivir, o Ciclo de Cine e Saúde Mental de Pontevedra, impulsado pola Concellería de Benestar Social en colaboración coa axencia de xestión cultural Taller Abierto. Esta iniciativa púxose en marcha no ano 2020, pero a Covid-19 impediu a súa continuidade. Agora, unha vez superada a crise sanitaria, chega a hora de retomar un proxecto que pretende sacar a relucir unha das grandes problemáticas que afectan á sociedade: a saúde mental.

O programa deste ciclo prolongarase durante 4 xornadas non consecutivas, nas que se convida aos pontevedreses a presenciar 4 películas que falan de diferentes problemáticas vencelladas á saúde mental. Ademais da xornada inaugural de mañá, celebraranse sesións os días 23 de febreiro e 15 e 22 de marzo, datas nas que se proxectarán os filmes ‘Os Tenenbaums. Unha familia de xenios’, ‘O Servente’ e ‘Que foi de Baby Jane?’, respectivamente.

Esta iniciativa de Benestar Social organízase en colaboración  co director de Novos Cinemas, Suso Novás, encargado de facer unha presentación e posta en contexto dos filmes. Cada unha das sesións incluirá a proxección da película e unha quenda de preguntas e coloquio final, na que a doutora Julia Fraga, especialista en Psiquiatría, exporá as súas reflexións sobre as películas.