Ponte Sampaio verá recuperada a súa Xunqueira cunha actuación de rexeneración e recuperación integral da praia e os seus bordes marítimos 

72
O Concello de Pontevedra presentou esta mañá o proxecto da man do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que buscará poñer en valor os recursos naturais da contorna, a súa cultura inmaterial e a memoria colectiva do lugar
O proxecto contempla diferentes actuacións, tales como a ampliación do areal, a creación de áreas de xogo marítimas, zonas verdes e de sombra, e de descanso e lecer 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro delegado da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González, presentou esta mañá de mércores, 15 de febreiro, o novo proxecto de recuperación da Xunqueira de Ponte Sampaio e tamén do borde marítimo 

O rexedor lembrou que desde os anos 50, os bordes marítimos en xeral, e no caso de Pontevedra pode ser sinalado de xeito sinxelo, foron ocupados por diversas instalacións (Tafisa, Ence, Pontesa, recheos varios…) que ao longo dos anos foron recuperados ou continúase buscando a súa recuperación. «Hoxe máis que nunca, nun momento de preocupación medioambiental e crise climática, cómpre protexer a costa e poñer en valor os nosos recursos naturais».

«Insisto nunha idea, que ás veces esquecemos, e é que vivimos no paraíso. Este proxecto que hoxe presentamos é un exemplo do que queremos facer no futuro, na procura da excelencia tanto no espazo público na cidade como no rural, afondando no patrimonio natural que temos, que é moitísimo», indicou Lores. «No caso da Xunqueira de Ponte Sampaio, pode que non fose unha das máis agresivas en ocupación, mais si que se foi tomando un espazo privilexiado que queremos recuperar».

Así, o Concello de Pontevedra encargou un proxecto de recuperación e rexeneración con catro principios básicos:

  • Protección da costa
  • Posta en valor dos recursos naturais
  • Posta en valor a cultura inmaterial 
  • Posta en valor da memoria colectiva do lugar

«Sobre este último punto, cómpre sinalar as moitas consultas que lle fixemos á veciñanza para lembrar como estaba antes o lugar e como podía ser mañá», explicou o alcalde á hora de continuar presentando unha actuación que define como «de futuro» e na que se leva traballando varios anos, con actuacións xa executadas como a retirada do campo de fútbol, do palco da festa, dos baños ou da ampliación da zona de praia ao longo dos últimos tempos, e que tamén pode ser relacionada con actuacións de mellora da calidade de vida como a inauguración do novo parque infantil da zona.

IMG 9466
O alcalde, xunto co edil Raimundo González, durante a presentación do proxecto.

O proxecto terá un marco de actuación de máis de 25.000 metros cadrados, desde a ponte medieval de Ponte Sampaio até pasado o colexio existente ao carón da ría. O areal pasará de ter 3.300 metros cadrados a 7.300 metros cadrados, duplicando o seu tamaño. Crearase unha gran zona verde de estancia, con arborado novo de especies autóctonas. Tamén está planificada unha zona de uso social e de deporte, especialmente para o piragüismo, disciplina que conta cunha forte presencia no lugar. 

«Igual cómpre facer fincapé na zona de xogo que entra na auga, ese pantalán que pode verse nas infografías e nos planos que manexamos», indicou Lores, que tamén quixo sinalar que se conservará unha área para o campo da festa e, por último, crearanse zonas de aparcadoiro próximas á praia e tamén ao campo de fútbol, na zona superior a esta instalación.

O alcalde lembrou que o Concello ten solicitada a desafectación de Costas «xa hai tempo», que mesmo o propio organismo indicou e recomendou que fose ampliada no seu día, cando se remitiu un primeiro informe, e que agora contemplaría un tramo de desafectación até xa pasado o colexio.

O Concello manexará un orzamento de 5.330.510 euros para levar a cabo esta actuación, amosando a súa predisposición a tentar conseguir fondos europeos no caso de que apareza algunha convocatoria.