O Ganapán despide o Entroido esta fin de semana con talleres de elaboración rosas de mazá e goxuas vascos

23
  • O programa de lecer infantil organizado pola Concellería de Promoción Económica tamén desenvolverá obradoiros nos que os máis pequenos poderán deseñar krakens de papel e divertidos osos polares

Tras pechar hoxe unha intensa programación específica de Entroido, O Ganapán poralle a guinda ás festas esta fin de semana no Gastroespazo do Mercado cunha oferta de actividades pensadas para os máis larpeiros e creativos da casa. Así, entre as propostas deseñadas dentro do programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica inclúense talleres nos que a rapazada poderá elaborar e degustar saudables e deliciosas rosas de mazá e doces e saborosos goxuas, unha sobremesa típica do País Vasco con tres capas: biscoito, nata e crema torrada.

Asemade, os nenos e nenas de 4 a 10 anos que se acheguen ata a Praza o sábado 25 e o domingo 26 de febreiro tamén poderán desfrutar duns obradoiros de manualidades nos que crearán krakens (uns dos animais mariños máis grandes do mundo) de papel e uns osos polares moi divertidos. A concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, lembra que todos aqueles e aquelas que desexen tomar parte nas actividades do Ganapán “deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando no correo as posibles alerxias ou intolerancias”. “Como sempre, que ninguén esqueza a friameira, para poder levar a casa as receitas elaboradas”, apunta Blanco.