- Os obradoiros de ‘Formación de habilidades memorísticas para persoas maiores’, impulsados no marco do programa Proponte, desenvólvense desde principios de febreiro nos locais sociais e veciñais de Lérez, Marcón, Bora, A Parda, Salcedo, Centro Sur, Mourente, Ponte Sampaio, Tomeza, Estribela e San Roque
O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegáronse esta tarde ata o Centro Social de Ponte Sampaio para visitar a un grupo de 23 maiores participantes nos talleres de memoria e comunicación asertiva organizados polo Concello no marco do programa Proponte en diversos barrios e parroquias de Pontevedra. Os obradoiros de ‘Formación de habilidades memorísticas para persoas maiores’ desenvólvense desde principios de febreiro en colaboración co colectivo Acolle (Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social) e están especialmente destinados a maiores de 60 anos que non teñen problemas de memoria vencellados a ningún tipo de demencia.
A iniciativa prolongarase durante outros tres meses, impartíndose en grupos de entre 15 e 20 persoas por curso. Ademais de en Ponte Sampaio, tamén se celebran nos locais e veciñais de Lérez, Marcón, Bora, A Parda, Salcedo, Centro Sur, Mourente, Tomeza, Estribela e San Roque.
“Estes talleres teñen un carácter eminentemente preventivo, axudando a garantir que os nosos maiores poidan saír da casa, xuntarse, traballar a memoria e exercitala para mantela en boa forma”, sinalou Iván Puentes.