O concelleiro de Benestar Social participa nunha xornada de convivencia celebrada entre alumnado do colexio Sagrado Corazón e os usuarios da asociación Juan XXIII

18
  • A iniciativa, na que participaron 75 alumnos de 2º de Primaria do centro educativo e 40 usuarios do colectivo de atención ás persoas con discapacidade intelectual, ten como obxectivo traballar a prol da diversidade e a inclusión entre os máis pequenos

 A asociación de atención ás persoas con discapacidade intelectual Juan XXIII e o Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús celebraron esta mañá, na sede da entidade social (rúa Eduardo Blanco Amor), unha xornada de convivencia na que participaron 75 alumnos de 2º de Primaria do centro educativo e 40 usuarios do colectivo. A iniciativa, que xurdiu con vocación de continuidade no tempo, contou coa presenza e o apoio do concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, que acudiu ás instalacións da asociación para desfrutar dos xogos e talleres desenvolvidos.

Segundo explicou o edil do PSOE, esta xornada “organizouse con dous claros obxectivos: por unha banda, visibilizar as dificultades coas que as persoas que acuden a Juan XXIII conviven día a día, e por outra, conseguir que a rapazada vexa ás persoas con discapacidade intelectual como iguais”.

Aproveitando que os alumnos do Sagrado Corazón están actualmente estudando as plantas a través dun obradoiro escolar, o proxecto incluíu un taller de xardinería, e tamén a celebración de xogos populares, converténdose así nunha xornada de convivencia lúdica. Deste xeito, os usuarios de Juan XXIII adquiren o rol de profesores, ao tempo que adquiren visibilidade ante os pequenos. “A finalidade é ter un tempo de desfrute no que os alumnos de Juan XXIII se sintan motivados, ao verse importantes como mestres, como organizadores dunha actividade para alumnos, e que os alumnos vexan as diferentes capacidades como algo que é parte da nosa realidade, que non é nada diferente, senón simplemente unhas habilidades distintas”, sinalou Marta Rodríguez, profesora do Sagrado Corazón.