Promoción Económica ‘porá ao choio’ á mocidade de Pontevedra por segunda vez

44
  • A Concellería que dirixe a socialista Yoya Blanco trae de volta o programa de impulso á empregabilidade Ponte ao Choio, que nesta segunda edición inclúe como novidades o aumento no número de prazas, as conexións co tecido empresarial da cidade e a creación dunha páxina web e redes sociais do proxecto

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, a cargo da socialista Yoya Blanco, trae de volta o programa ‘Ponte ao Choio! Desenvolvendo o teu futuro’, tralo rotundo éxito da primeira edición. Este proxecto, que pretende ofrecerlles aos pontevedreses e pontevedresas un asesoramento integral no proceso de busca de emprego, levarase a cabo entre os días 17 e 18 de marzo no Gastroespazo do Mercado de Abastos (2º andar), en dúas quendas: de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas.

A través deste programa, os participantes poderán adquirir un papel activo no seu proceso de procura de emprego, así como unha formación, adestramento e imaxe persoal que melloren as súas posibilidades de inserción laboral. Deste xeito, o proxecto contará con dous obradoiros de mellora da empregabilidade: ‘O CV, a túa porta cara ao emprego’ e ‘Claves para unha entrevista de traballo exitosa’; así como cun Circuíto Curricular composto de talleres de fotografía profesional e videocurrículos. Ademais, como novidade, nesta segunda edición, o programa ofrecerá conexións co tecido empresarial pontevedrés ofertante de emprego, un maior número de prazas, 36 no Circuíto Curricular (18 por día) e entre 15 e 20 por obradoiro; e aumentará a súa difusión coa presenza nas redes sociais e a creación dunha web do evento (os obradoiros tamén se emitirán vía streaming).

A iniciativa foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que acompañaron a Yoya Blanco @s tres profesionais con ampla traxectoria laboral que se encargarán de realizar as actividades de asesoramento: Noela Quintana, psicóloga e especialista en RRHH; Beatriz Císcar, fotógrafa e fotoxornalista, e Damián Pazos, da produtora audiovisual Pixelecer Audiovisual. Tal e como resumiu a concelleira de Promoción Económica, ‘Ponte ao Choio! é un proxecto pensado para axudar á xente a atopar traballo, con cuestións que son básicas como os currículos ou facer unha boa entrevista de traballo”. “Imos cambiar de escenario. O ano pasado foi na Casa Azul -explicou a edil do PSOE- e nesta edición o programa vaise desenvolver no espazo multidisciplinar do Gastroespazo do Mercado Municipal. Animo a toda a xente moza, e non tan moza, que estea a buscar traballo ou á que simplemente lle apeteza saber como é un currículo diferente, un videocurrículo ou como facer unha entrevista de traballo exitosa, a participar”.

Segundo apuntou a socialista, “no obradoiro ‘O CV, a túa porta cara ao emprego’ impartiranse as técnicas necesarias para elaborar un bo currículo, coa finalidade de conseguir que os asistentes sexan capaces de transmitir de forma axeitada o seu perfil profesional nos procesos de selección nos que participen”. Este taller impartirase en reunións ‘one to one’ , é dicir, en sesións individuais coa orientadora que durarán 25 minutos, e que estarán centradas en destacar os puntos fortes e detectar os máis febles dos currículos de cada participante. Contará tamén cunha sesión grupal con enfoque práctico e participación activa, na que a orientadora exporá pautas, ideas, consellos, recomendacións e boas prácticas de formato e contido para a correcta redacción e estruturación do CV e/ou carta de motivación.

No outro obradoiro os asistentes terán a oportunidade de aprender técnicas de preparación dunha entrevista de traballo, mediante o coñecemento da estrutura xeral dunha entrevista, tipoloxía, probas psicotécnicas e dinámicas de grupo, preguntas frecuentes… No que respecta ao Circuíto Curricular, contarase cun apartado de fotografía profesional, no que os participantes terán a oportunidade de obter fotografías adaptadas aos seus perfís, que lles servirán tanto para o CV como para redes sociais.

Por outra parte, tamén haberá un capítulo dedicado á elaboración de videocurrículos, no que se lles ofrecerá aos participantes a oportunidade de facelo de dúas formas: o videcurrículo express (para aqueles con menor experiencia e/ou formación, que en definitiva teñan un currículo máis reducido, no que a extensión se refire) e o videocurrículo estándar, que profundiza na experiencia e naquelo que poida contar o suxeito, se o require.

Noela Quintana asegurou que os obradoiros permitirán “dar as claves ou tips necesarios para que, primeiro, a empresa faga caso do noso currículo, é dicir, que o CV serva para amosar quenes somos; e por outro lado, para que cando, grazas a ese currículo, nos chamen a unha entrevista de traballo, poidamos demostrar as nosas competencias, xa que moitas veces non amosamos todo o que sabemos e agardamos a respostar unicamente o que nos preguntan”. “Hai cousas básicas, como describir exemplos do traballo que levábamos a cabo, que, finalmente nos collan ou non, farán que nos sintamos moi orgullosos da entrevista que fixemos e ir á seguinte máis seguros e preparados”, sinalou Quintana.

Damián Pazos lembrou que os videocurrículos “son unha ferramenta moi útil para plataformas como Linkedin, que se utilizan bastante agora mesmo para atopar emprego”. Ademais, precisou que “este ano, como novidade, a inscrición no programa levarase a cabo de xeito moi sinxelo, completando un formulario a través da páxina web ponteaochoio.eu ata o día anterior á data de celebración do programa”.

Aqueles que estean interesados en obter máis información sobre Ponte ao Choio! ou inscribirse neste Circuíto Curricular teñen tamén á súa disposición a dirección de correo electrónico ponteaochoio@gmail.com.