O socialista Iván Puentes convoca aos veciños de Fernando Olmedo a unha xuntanza para darlles a coñecer o proxecto que acabará coas inundacións que sufre esta zona da cidade

67
  • O encontro, no que tamén participarán o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o enxeñeiro Ángel Colsa, terá lugar o vindeiro xoves 9 de marzo ás 20:00 horas na sede da Cruz Vermella
  • A actuación da estratexia Pontevedra Flúe, que xa conta co visto e prace de Augas de Galicia e se atopa en fase de autorización, está contemplada no Plan de Xestión do Risco de Inundación e no Plan Hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa 2021-2027

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, convocou aos veciños e veciñas de Padre Fernando Olmedo a unha xuntanza para darlles a coñecer o proxecto deseñado desde a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para acabar coas frecuentes inundacións que sufren esta rúa e as zonas próximas nas épocas de abundantes choivas. O encontro, no que tamén participarán o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, o enxeñeiro Ángel Colsa, técnico redactor deste plan, terá lugar o vindeiro xoves 9 de marzo ás 20:00 horas na Sala Solidaria da sede da Cruz Vermella (Padre Gaite, 5, 1º andar).

O proxecto que Puentes pretende explicar polo miúdo á veciñanza forma parte da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe e conta co respaldo de Augas de Galicia, ao ser unha medida prevista no Plan de Xestión do Risco de Inundación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa 2021-2027 e no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 21-27 para a prevención de riscos de inundación do río Valdecorvos. Iván Puentes sinala que “esta actuación se atopa en fase de autorización e encaixada na estratexia global de Augas de Galicia, sendo ademais asumible a nivel económico, cun custe estimando que se sitúa nuns 700.000 euros”. “Estamos ante un proxecto pioneiro desenvolvido en colaboración coa Universidade que fará posible e tanxible algo ao que os veciños xa se resignaran como unha idea imposible e inexorable: acabar cos recorrentes asolagamentos que se producen na rúa Padre Fernando Olmedo”, asegura o portavoz socialista.

A razón fundamental dos asolagamentos radica en que toda a zona do Estadio da Xuventude e desta rúa está construída sobre unha xunqueira que era espazo de inundación natural do río cando se daban situacións de fortes choivas en pouco tempo (que provocan incrementos de caudal de xeito moi repentino). Ao coincidir con mareas altas (co río Lérez cheo), o Valdecorvos, que antes inundaba na área que ocupa o Estadio e que agora desemboca canalizado no Lérez, atopa o tapón da auga do Lérez e inunda a zona máis baixa que atopa, é dicir, a rúa Fernando Olmedo.

A intervención plantexa o control das crecidas do rego de Valdecorvos mediante a creación dunhas lagoas artificiais que asumirán e reterán o incremento de auga en momentos de alto caudal. Tal e como indica Iván Puentes, “actuaremos na parte alta, onde están a senda e o parque da urbanización de Valdecorvos, aproveitando unha vella canle do río que xa existía para regar e para desbordar o regato de xeito natural cara a esas veigas que había nesa zona, e construíndo dúas balsas, que a meirande parte dos días actuarán como lagoas artificiais que mellorarán a calidade deste parque e que, nos días de fortes choivas, asumirán o incremento de caudal”.

Reduciríase nun 70% a área de inundación

As balsas proxectadas serán pouco profundas (de metro e medio no seu punto máis fondo), pero conseguirán reducir a altura do Valdecorvos ata un 30% cando se producen as choivas máis fortes. Isto traducirase en que, mesmo nas peores circunstancias, coas choivas máis fortes, que se producen unha vez cada dez anos, a área de inundación reduciríase nun 70% (pasando dos 45.500 aos 13.500 metros cadrados), o que significa a eliminación de practicamente tódolos desbordamentos en Padre Fernando Olmedo. “Mesmo nestes casos de choivas máis torrenciais, que como digo se producen en períodos de dez anos, apenas se inundaría un pouco a zona máis próxima ao Estadio da Xuventude, pero sen provocar ningún tipo de afección”.

As lagoas artificiais que se crearían na área verde existente arredor da senda de Valdecorvos asumirían os incrementos de auga en momentos de alto caudal do rego, chegando reter un volume de ata 9.000 metros cúbicos. A auga liberaríase posteriormente de xeito natural co descenso do caudal, evitando así os desbordamentos en Fernando Olmedo.

A actuación prevista xeraría unha zona de inundación controlada cunha superficie aproximada de 6.000 metros cadrados e unha profundidade neta acumulada de 1,5 metros. Complementariamente, recuperaríase o trazado natural do cauce na zona augas arriba das lagoas, eliminando a súa canalización secular actual (en estado semi derruído) e recuperando meandros, pozas e resaltos naturais, o que aumentará a rugosidade do cauce e, en consecuencia, o tempo de concentración (ao reducir a velocidade).

A senda de Valdecorvos converterase nun grande parque urbano

O proxecto tamén porá en valor o parque de Valdecorvos, xerando zonas verdes e lagoas que aumentarán a biodiversidade deste contorno, e a recuperación do patrimonio etnográfico ligado ao antigo uso do rego de Valdecorvos para regar as brañas da zona.

Con esta intervención tamén se prevé transformar a actual senda nun grande parque urbano. Ademais de renaturalizarse o cauce do Valdecorvos, recuperaríase e reforzaríase o bosque de galería, eliminando as especies exóticas invasoras presentes en parte do borde hídrico (fundamentalmente cana, acacia negra e falsa acacia) e mellorando a estrutura do leito fluvial mediante especies arbóreas autóctonas.

Na zona alta do treito recuperarase o trazado do cauce antigo, controlando os problemas de erosión mediante a fixación dos noiros con estacas de sauce e crearase bosque de ribeira onde agora mesmo non existe. Na parte media do treito recuperarase unha parcela de titularidade pública ocupada ilegalmente para restaurar o bosque de galería. Na parte baixa actuarase na zona de servidume co obxectivo de reforzar o bosque de galería.

O Valdecorvos vén de Mourente e chega á cidade desde Montecelo, penetrando polo parque que leva o seu nome. O regato que antes desembocaba no Lérez, formando unha pequena xunqueira (máis ou menos onte hoxe se atopa o Estadio da Xuventude, a avenida de José Malvar e a rúa Fernando Olmedo) que servía de zona de inundación natural para absorber as súas frecuentes enchentes, agora desemboca entubado ao lado da ponte dos Tirantes, o que motiva a creación dun ‘tapón’ e de desbordamentos cando o Lérez baixa cheo.