Benestar Social colabora con dez recoñecidos artistas galegos nunha exposición de rúa que fará visible a problemática da fame no mundo

272
  • A mostra, titulada Fame Cero 2 e comisariada por Antón Sobral, será inaugurada o vindeiro luns 13 de marzo na rúa Daniel de la Sota e estará composta por cinco cubos con imaxes de Carmen Hermo, Gosia Trebacz, Isabell Seidel, Yolanda Dorda, Isabel Pintado, Xulio García Rivas, Alfonso Costa, Ricardo de Campos, Fiz Valcárcel e o propio Antón Sobral

Unha exposición de rúa organizada pola Concellería de Benestar Social fará visible a problemática da fame no mundo a través de obras pertencentes a dez prestixiosos artistas galegos. A mostra, titulada ‘Fame Cero 2’, será inaugurada o vindeiro luns 13 de marzo ás 13:00 horas na rúa Daniel de la Sota e estará composta por cinco cubos con imaxes destes recoñecidos creadores e lemas que reflicten a existencia de malnutrición no noso planeta.

Este proxecto expositivo de concienciación e loita contra a fame no mundo está comisariada por Antón Sobral, que seleccionou para a mesma aos seguintes artistas: Carmen Hermo, Gosia Trebacz, Isabell Seidel, Yolanda Dorda, Isabel Pintado, Xulio García Rivas, Alfonso Costa, Ricardo de Campos, Fiz Valcárcel e o propio Antón Sobral. Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, “esta iniciativa enmárcase no programa de actividades de sensibilización e visibilización impulsadas polo Concello de Pontevedra con motivo do Día Mundial da Nutrición, cuxa conmemoración se adianta este ano para non coincidir coas eleccións municipais (o 28 de maio)”.

“A través desta exposición pretendemos lembrarlle á cidadanía a existencia dunha realidade da que nos esquecemos no noso día a día, pero que está presente no contorno máis próximo: o problema da fame e as desigualdades tamén existen en Pontevedra e, ademais de desenvolver políticas destinadas a atallalos, tamén é responsabilidade do Concello impulsar iniciativas para que a veciñanza tome conciencia e se implique na loita contra estas inxustizas”, asegura Marcos Rey.