Gana-pan de pita e torta de queixo para a segunda fin de semana de marzo

4
  • O programa de lecer infantil dirixido á rapazada de entre 4 e 10 anos de Pontevedra tamén contará con talleres nos que se poderán elaborar gatiños de madeira e pequenas bailarinas

A rapazada de entre 4 e 10 anos encherá o Gastroespazo do Mercado de Abastos de risas e diversión o sábado 11 e o domingo 12 de marzo, nunha nova fin de semana de propostas lúdicas organizadas no marco do programa O Ganapán. Os nenos e nenas que se inscriban nestes obradoiros terán ocasión de aprender a elaborar a torta de queixo ‘La Viña’ e pan de pita, unhas deliciosas receitas coas que seguirán medrando nos seus coñecementos culinarios.

Doutro costado, a iniciativa de lecer infantil impulsada pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe a socialista Yoya Blanco, engadirá un toque divertido, ensinando aos pequenos participantes a confeccionar uns gatiños de madeira e unhas bailarinas que danzarán ao ritmo da música.

As actividades desenvolveranse entre as 11:30 e 13:30 horas, tanto o sábado como o domingo. A concelleira Yoya Blanco recomenda “non esquecer a friameira para que as familias poidan desfrutar dos manxares elaborados polos nenos e aprezar como a rapazada vai pouco a pouco medrando na cociña”, recordando que todos aqueles que desexen participar “deberán inscribirse previamente a través do mail oganapan@gmail.com, indicando no email as posibles alerxias ou intolerancias”.