O Concello emite uns «contundentes» informes en contra do proxecto de instalación do parque eólico Anduriña 

29
O edil e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, lembra que «xa chegou o de sermos unha colonia» para os intereses das multinacionais, debendo ser o territorio galego «aproveitado polo pobo e para o pobo, repercutindo os beneficios do seu uso no mesmo» 

O edil e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, acompañado do presidente da asociación cultural Sondexeve, Manuel Hermida, comparece esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos informes técnicos que o Concello de Pontevedra remitirá á Xunta de Galicia ao respecto do estudio de impacto ambiental para a solicitude de modificación circunstancial do proxecto sectorial e do proxecto de execución das instalacións do parque eólico Anduriña.

Este proxecto de parque eólico, un dos varios que a comarca podería ver instalados ao longo dos vindeiros anos, afectaría ao territorio pontevedrés pola zona de Santa María de Xeve, e tamén ao concello de Barro, Campolameiro e Moraña.

«Os informes emitidos polas técnicas municipais son informes contundentes en contra do proxecto por múltiples motivos», indicou Oubiña. «Cómpre comentar algúns aspectos que son sintomáticos do escaso fondo co que foron realizados estes informes sobre o impacto ambiental. Por exemplo? O estudio realizado ao redor das aves da zona é escaso porque non ten en conta os efectos que se poden producir nas aves migratorias, como é o caso do Escribano Palustre, unha ave considerada en perigo de extinción no catálogo galego de especies ameazadas. Tampouco se fai referencia ao parque forestal do Pontillón do Castro, malia situarse a escasos metros dos pretendidos aeroxeradores»,

«Estes aeroxeradores farían perder todo o seu sentido ao parque forestal do Pontillón ao incidir en todas as súas características, coma o solo, a fauna e a flora que posúe», sinalou o edil. «Doutra banda, o estudio di que non se atoparon exemplares dunha especie chamada Ruscus Aculeatus, que de feito nun camiño a 170 metros do punto onde queren realizar o proxecto, tal e como verificou a técnica municipal. Ao respecto do ruído, paga a pena lelo textualmente: ‘se prevé un ligero aumento de los niveles sonoros’. Coido que un lixeiro aumento sería que cantasen os paxaros, non un ruído eterno dos aeroxeradores».

Ao respecto do solo, os informes técnicos advirten de que estes son superficiais e non teñen en conta as voaduras nin tampouco o transporte de materiais enormes por espazos que non están preparados nin axeitados para tal acción. 

Doutra banda, á hora de falar da paisaxe, os estudos recibidos tampouco fan especial fincapé neste punto, malia que estes muíños serán visíbeis desde boa parte da cidade de Pontevedra. «A instalación deste parque arruinará a paisaxe de todo o monte Acival, desaparecendo o seu carácter de elemento singular. E máis, se nos paramos a ler os informes, vemos como se fracciona o proxecto de instalación ao estar dividido en diferentes proxectos de instalación. O parque eólico Anduriña, xunto con outra instalación deste tipo —Zudreiro—, pretenden evacuar a enerxía producida a través dunha liña de alta tensión de 132 kv. Esta tramitación quere ser un proxecto independente, pero está claro que forman un todo único, xa que ningún ten sentido sen o outro. O estudio de impacto debería facerse conxunto, o non está así feito, non se fai unha avaliación global de todo o proxecto, polo que se falsea o verdadeiro impacto do parque eólico ao non ter os graves efectos prexudiciais dunha liña de alta tensión».

Os informes municipais sinalan que tampouco se trata en ningún punto do estudo o risco de incendio na avaliación ambiental, habendo diversos estudos que relacionan o movemento das turbinas e as descargas eléctricas como causas de lumes forestais. Ademais, o estudio amósase superficial en como afectarán os aeroxeradores á hidroloxía do lugar, e até tampouco cuantifica un impacto laboral realista. «Os aeroxeradores non se montan na comarca, nin teñen a obriga de contratar xente de aquí. As empresas que gañan estes concursos xa contan con persoal técnico, nin xeran postos de traballo relevantes para mantelos, pois o mantemento e case nulo, non contan con actividades económicas vinculadas. Iso si, aos titulares das terras págaselles unha miseria. Por non tributar, as grandes empresas nin tributan aquí. Perdemos territorio, pagamos a luz ao mesmo custe e as compensacións non aparecen. Xa chegou o de sermos unha colonia. Xeve debe ter claro que o Concello estará do seu lado para defender os intereses xerais, pois o territorio ten que ser aproveitado polo pobo e os beneficios do seu uso debe repercutir no mesmo».