Abre as súas portas ao público na Praza de España con 30 expositoras a primeira feira de alimentación e artesanía galega ‘ProdutorAs, en Feminino’

365
  • O evento feiral, impulsado polas concellerías de Promoción Económica e de Igualdade no marco do programa do 8M para homenaxear e poñer en valor a figura das ‘súper heroínas do mandil de cadros’, foi inaugurado esta mañá pola concelleira socialista Yoya Blanco

Os pontevedreses e pontevedresas que se acheguen ao longo desta fin de semana ata a carpa instalada na Praza de España poderán desfrutar da variada proposta de produtos ofertada nos 30 expositores de mulleres emprendedoras que participan na primeira edición da feira de alimentación e artesanía feminina galega ‘ProdutorAs, en Feminino’, impulsado polas concellerías de Promoción Económica e de Igualdade dentro do programa de actividades do 8M. O evento feiral, que busca homenaxear e poñer en valor a figura das mulleres ‘bravas’ no desenvolvemento do rural e da economía local, amosando o labor das ‘súper heroínas do mandil de cadros’ (tódalas produtoras participantes levan unha bata de cadros de xeito simbólico), foi inaugurado esta mañá polos concelleiros socialistas Yoya Blanco e Marcos Rey cun paseo polos diferentes stands participantes, acompañados das organizadoras, Loli Rodríguez e Olga Milla.

A feira aglutina a emprendedoras do sector alimentario e artesanal galego, aínda que tamén se convidou a unha rexión de fóra de Galicia, Estremadura, a través do expositor dun produto vencellado á nosa cultura e cociña tradicional: o pimentón de Cáceres. Entre os produtos que poden atoparse inclúense: alpargatas (La tía Tula tiene Tela), bixutería en arxila polimérica (Merakiart), artigos en la e papel (Amora artesanía); xabóns feitos a man (ArcaEco), complementos con pedras naturais (Ceibe), pomadas naturais (Agarimo), artesanía decorativa e obxectos antigos restaurados (ArtEvi), xoaría atípica e orixinal (Pase lo q pase), alfarería (Lucky’s Bakes), mel e produtos apícolas do Salnés e do Courel (Abella Menciñeira), requeixo (Restrebas), restauración (Algo más que queso e Croketas D’), filloas á pedra (Filloas A pedra de augas), mel e produtos apícolas do Barbanza (AbellaMel), queixos suízos, italianos e franceses madurados en Galicia (Paladarqueso), conservas de peixe e marisco (Contrabando da ría), marmeladas (A Morena), embutidos e licores galegos (Embutidos Lafuente), froita fresca e smoothies (Avoa Makika), aceite de oliva virxe extra galego (Embruxo), plantas, sementes e flores comestibles (Plántate), cogomelos frescos e en conserva (Mar e Monte), adega DOP Rías Baixas e produtos gourmet (Pepa A Loba), panadería (Rosmar) e polbo (Pulpeira Loureiro).

Show cooking, charlas, talleres infantís e unha sesión vermú con DJ

Os stands permanecerán abertos ao público ata as 21:00 horas de hoxe, e entre as 11:00 e as 21:00 horas tanto o sábado como o domingo. Durante toda a feira haberá unha zona de xogos infantís cunha animadora/coidadora para os máis pequenos, ao servizo das familias que o precisen. Ademais, desenvolveranse uns talleres de horto urbano e identificación de plantas a cargo de Plántate, unha empresa de mulleres emprendedoras de Pontevedra.

A feira inclúe unha charla da Asociación Galega de Apicultura sobre a realidade das mulleres apicultoras, minoritarias neste sector, que terá lugar mañá ás 12:00 horas e que se orientará como un encontro que busca acadar sinerxías entre as participantes; diversos showcooking cos produtos expostos a cargo da Escola Obradoiro de Hostalería do Salnés e de Croketas D’; unha charla da cadete Natalia del Carmen Giménez sobre a súa vida na Escola Naval Militar; un set de divulgación a cargo do Mercado da Cosecha, de Hijos de Rivera, e unha sesión vermú amenizada por Señora DJ.

O programa de actividades da feira é o seguinte:

Venres 10 de marzo:

13:00h Show cooking por parte da Escola Obradoiro de Hostalería do Salnés. Elaborarán 3 pratos e un cóctel con produtos da feira:

  • Empanada de sardiñas.
  • Risotto Mare e Monte.
  • Escuma de requeixo con mazá asada.
  • Cóctel de albariño.

17.30h Obradoiro de elaboración de candeas con cera de abellas para nen@s.

19.00h Show cooking a cargo de Mar González, de Croketas D’.

Sábado 11 de marzo:

11.00h Apertura da feira.

12.00h Charla sobre ‘O papel da muller na apicultura galega’, a cargo de Noela Torres, técnica responsable da Asociación Galega de Apicultura.

13:00h Show cooking a cargo de Mar González, de Croketas D’.

17:30h Obradoiro infantíl de horto urbano, a cargo das técnicas de Plantate.gal.

19.00h Show cooking a cargo de Mar González, de Croketas D’.

Domingo 12 de marzo:

11.00h Apertura da feira.

12.00h Charla sobre ‘A vida da muller no Exército’, a cargo da cadete Natalia del Carmen Giménez.

13.00h Sesión Vermú amenizada por Señora DJ

13.00h Show cooking a cargo de Mar González, de Croketas D’.

17:30h Obradoiro infantil de identificación de plantas, a cargo das técnicas de Plantate.gal.

19.00h Show cooking a cargo de Mar González, de Croketas D’.