Yoya Blanco entrega os diplomas acreditativos ao alumnado que completou os cursos de Operacións Básicas de Restaurante e Bar e de Operario de Almacén impulsados pola Concellería de Promoción Económica

31
  • A través destas accións formativas impartidas pola academia Ara Formación, que teñen carácter gratuíto e que están orientadas cara a sectores cunha elevada demanda, búscase mellorar as posibilidades de inserción laboral dos seus beneficiarios

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, presidiu esta mañá o acto de entrega de diplomas acreditativos aos 25 alumnos e alumnas que completaron a última quenda dos cursos de Operacións Básicas de Restaurante e Bar e de Operario de Almacén impulsados polo Concello de Pontevedra en colaboración coa academia Ara Formación. A través destas accións formativas, impartidas de xeito gratuíto e orientadas cara a sectores cunha elevada demanda de persoal formado e profesionalizado, o departamento que dirixe a socialista busca optimizar as posibilidades de inserción laboral dos beneficiarios.

Os alumnos que completaron o curso de Operacións Básicas de Restaurante e Bar tiveron ocasión de coñecer a aplicación das normas e condicións hixiénico-sanitarias en restauración e de aprender a utilizar a dotación básica do restaurante e a desenvolver a asistencia no preservizo. Entre os contidos abordados nesta formación incluíronse as normas e condicións de seguridade nas zonas de produción e servizo de alimentos e bebidas; o cumprimento das normas de hixiene alimentaria e manipulación de alimentos; a responsabilidade da empresa na prevención de enfermidades de transmisión alimentaria; as fontes físicas, químicas e biolóxicas de contaminación dos alimentos; o manexo de residuos e desperdicios; a limpeza e desinfección; o control de pragas, e as normas de almacenaxe, así como o uso de prendas de protección e de uniformes de cociña e do persoal de restaurante-bar. Asemade, adentráronse no coñecemento do restaurante tradicional como establecemento e como departamento, afondando no uso da dotación básica e na asistencia no preservizo.

Pola súa banda, os beneficiarios do curso de Operario de Almacén abordaron cuestións como a loxística de aprovisionamento, os tipos de almacéns e os principios da almacenaxe; os procesos involucrados na distribución; a xestión de stocks; a condución de carretillas elevadoras; a prevención de riscos laborais, ou o control da calidade na loxística.