A Vida é Movernos anímate a mover o esqueleto esta Semana Santa na segunda edición do Galidance Intensive

165
  • A Holy Dance Week, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa academia Plié Dance School, celebrarase os vindeiros 3, 4 e 5 de abril no Recinto Feiral e contará con workshops de bailaríns e coreógrafos de talla nacional e internacional como Marshall, Sergio Poveda, Fran Herrezuelo, Carlos Díaz, Marthee Vangeel, Evelio, Exon Arcos, Leire Dallas e Diana Wondy
  • Todas aquelas persoas interesadas en participar poderán reservar a súa praza a través do email hola@pliedanceschool.net , o teléfono 604 066 791 ou as redes sociais da escola de danza @pliedanceschool

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá durante os días 3, 4 e 5 de abril a segunda edición do Galidance Intensive, un evento organizado pola Concellería de Deportes en colaboración coa escola de danza Plié Dance School, no marco do programa A Vida é Movernos. Durante os tres días nos que se desenvolverá esta Holy Dance Week celebraranse 4 sesións de baile diarias dunha hora e media de duración, distribuídas entre as 10:00 e as 19:00 horas. As aulas estarán impartidas por nove recoñecidas personalidades do mundo do baile urbano tanto a nivel nacional como internacional.

A través da Galidance Intensive preténdese dar a coñecer esta disciplina, amosando os beneficios que achega ás persoas, tanto físicos como mentais, así como crear un ambiente agradable no que os amantes da danza de todo o mundo se reúnan en Pontevedra, dando promoción á cidade e a Galicia. O programa da Holy Dance Week foi presentado hoxe á mañá nunha rolda de prensa na que participaron o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e unha das organizadoras do evento e directora do Plié Dance School, Pilar Torelli. Tralo éxito da pasada edición, Fernández amosouse seguro da boa acollida que terá a deste ano, que “vén moito máis reforzada e con gañas de quedar, de ser un elemento referente no mundo do baile e da danza, non só de Galicia senón de todo o Estado”, sinalou o socialista. Por outra parte, o concelleiro de Deportes afirmou que “o obxectivo que temos co Galidance é que se vaia consolidando, crecendo, que vaia gañanado prestixio e que achegue ese plus de eventos a Pontevedra, especialmente nunhas datas nas que hai xente disposta a moverse e a desfrutar, non só do deporte, senón tamén do que é a nosa cidade e a súa contorna”.

A segunda edición do Galidance ten pequenos cambios con respecto á pasada, na que os talleres eran esencialmente de baile urbano, e “nesta ocasión contamos tamén cunha profesora que vén a dar danza contemporánea, que o ano pasado non tivemos e a xente nolo pediu, polo que optamos por unha maior variedade de estilos”, asegurou a directora da Plié Dance School, Pilar Torelli. A organizadora tamén falou dos obxectivos do evento, poñendo énfase nos beneficios que este tipo de eventos achegan á saúde mental e sinalando que “o baile xéranos felicidade e endorfinas, e a enerxía  e o sentimento de familia creados neste proceso, fan que teñamos gañas de volver, o que é moi positivo a nivel emocional”.

No que atinxe aos profesionais que impartirán as clases, no Galidance 2023 participarán tanto caras novas como ‘repetidores’ da pasada edición. Deste xeito, contarase coa presenza de Sergio Poveda, coñecido bailarín de Tiktok; Fran Herrezuelo, concursante de Fama a Bailar 2018 que colaborou con artistas como Aitana ou Lola Índigo; Carlos Díaz, bailarín e coreógrafo, que conta cunha ampla traxectoria internacional, aparecendo en actuacións de artistas mundialmente coñecidos como Mahmood, Lali ou Nathy Peluso. Entre as caras coñecidas deste evento, regresará a Pontevedra Marthe Vangeel, bailarina internacional de orixe belga que decide participar no Galidance Intensive por segundo ano consecutivo; volveremos a recibir a Evelio, actual bailarín da xira da cantante Ana Mena, que tamén bailou para artistas da talla de Rosalía ou Lola Índigo, e acabado de chegar de Turín, poderemos contar con Exon Arcos, un dos responsables do ‘bronce’ de Chanel na pasada edición do Festival de Eurovisión.

Ademais, completan o elenco de profesores do evento a gañadora de Fama a Bailar 2018, Diana Wondy; Leire Dallas, actual bailarina de Bad Gyal, Aleesha e Nicki Nicole, e Marshall, o coreógrafo do xa viral baile de ‘Nochentera’ de Vicco, que tamén colaborou nos espectáculos de artistas como Luis Fonsi, Nicky Jam ou Becky G.

Tino Fernández explicou que “todo aquel que desexe participar ou solicitar máis información sobre o evento deberá comunicarse coa organización a través das redes sociais da escola @pliedanceschool, chamando ao teléfono +34 604 06 67 91 ou escribindo un mail a hola@pliedanceschool.net”. O programa ofrece 3 packs diferentes para os participantes en función dos días que desexen acudir. Deste xeito, se tan só se quere asistir un día, pódese adquirir o Bono Basic, cun custe de 110€; por dous días, habería que reservar un Bono Medium, cun prezo de 130€, e finalmente, para desfrutar da experiencia Galidance ao completo, o bono a mercar sería o Full Pack, de 205€.